DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo dos investigadores da facultade Marcos Covelo e Román Corbato

Belas Artes acollerá un ciclo de coloquios sobre como enfrontarse a convocatorias de proxectos artísticos

A través de exemplos de traballos presentados con e sen éxito

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 09/10/2020

Como desenvolver, dar forma e presentar un proxecto artístico que non é máis que unha idea e que é posible que nunca se materialice? Esa é unha das preguntas en torno ás que xirará o ciclo de conferencias Ceci n´est pas un project artistique, que entre os días 16 e 26 de outubro se desenvolverá na Facultade de Belas Artes. Impulsado polos artistas e investigadores da facultade Román Corbato e Marcos Covelo, esta serie de catro coloquios pon o foco nun aspecto “cada vez máis frecuente dentro da formación e profesionalización da práctica artística”, como sinala Corbato; concorrer a convocatorias de proxectos específicos, residencias ou bolsas que, a diferencia das “metodoloxías coas que está acostumado a traballar un artista plástico ou visual”, esixen desenvolver e proxectar unha idea sen materializala.

Estruturado en catro sesións, progrmadas para os días 16, 19, 23 e 26 de outubro, esta actividade conta cun máximo de 30 prazas presenciais por mor das restricións de aforo ás que obriga a covid-19 e as e os interesados poderán inscribirse a través do enderezo electrónico mcovelo@uvigo.es. “Non é un curso sobre como ter éxito á hora de presentar un proxecto, imos falar das nosas experiencias profesionais e, sobre todo, dos nosos erros”, salienta Covelo. Nese senso, o ciclo proxéctase como unha serie de conversas nas que ambos poidan falar dos proxectos artísticos que, ao longo da súa traxectoria, desenvolveron tanto para espazos públicos como privados, pero tamén daqueles outros cos que concorreron sen éxito a diferentes tipos de convocatorias. “Ás veces é moi complicado que un profesional artístico mostre o seu proceso de traballo”, recoñece Covelo, profesor asociado da facultade, que incide nese senso en que o propósito desta actividade é “compartir experiencias, falar dos nosos métodos de traballo, dos inconvenientes cos que nos atopamos...”, para xerar desde aí un diálogo cos e coas participantes. 

Perder o medo ás convocatorias  

Aínda que aberto a calquera interesado, este ciclo pode resultar de utilidade “ao alumnado que está acabando a carreira, pero tamén a aquel máis novo que teña interese en ver como é unha convocatoria de produción artística, unha residencia...”, salienta Corbato, que incide en que un dos motivos que os levou a promover esta actividade foi que “vimos que os alumnos tiñan certo medo a este tipo de convocatorias, que ás veces implican unha temática ou instalación específica para un espazo”. Con esa idea, Covelo e Corbato buscarán, a partir das súas experiencias, pór o foco neses procesos de ideación e desenvolvemento das propostas, "que implican moitas horas de traballo”. De feito, unha das ideas que buscarán trasladar aos e ás asistentes precisamente é a de “non tirar por terra” aquelas propostas non seleccionadas nas convocatorias, senón realizar unha análise tanto do propio proxecto e das súas posibles debilidades como dos que si resultaron seleccionados.

O ciclo arrincará o vindeiro venres 16 cunha primeira sesión dirixida a abordar as diferentes tipoloxías de proxectos artísticos, coñecer plataformas de busca e exemplos de convocatorias e analizar como podería estruturase ese proxecto. A segunda conferencia, o luns 19, centrarase no seu desenvolvemento e redacción, así como nos aspectos conceptuais e técnicos. O venres 23 chegará a quenda de pór o foco no dossier artístico, o currículo ou a carta de presentación da obra, así como na importancia do deseño e a maquetaxe das propostas. Por último, o luns 26, a actividade completarase analizando casos de “éxitos e fracasos” en convocatorias artísticas.