DUVI

Diario da Universidade de Vigo

benvida vigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Reitora
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 03/09/2026

A pesar de que as clases non comezan ata a próxima semana, os tres campus da UVigo recuperaron momentaneamente o pulso universitario estes días coa celebración dos actos de benvida para o alumnado de novo ingreso que comeza os seus estudos de grao neste curso 2026/2027.

Despois da recepción organizada o martes en Ourense e onte mércores en Pontevedra, hoxe xoves foi a quenda do campus de Vigo que, no pavillón universitario, celebrou un acto que serviu como primeira toma de contacto desta nova xeración de mozos e mozas coa que será a súa casa durante os próximos anos. En total, nestas tres citas participaron 1800 alumnos e alumnas (560 en Ourense, 400 en Pontevedra e máis de 850 en Vigo). 

Primeira toma de contacto co campus de Vigo

Entre agasallos e música, ao longo da mañá, centos de estudantes puideron coñecer os diferentes servizos da institución académica, como a Biblioteca Universitaria, o Centro de Linguas, o Servizo de Normalización Lingüística ou Centro de Posgrao e Formación Permanente e obter información sobre transporte e aloxamento, voluntariado, asociacionismo, diversidade, igualdade, mobilidade, fomento do emprego e emprendemento ou coñecer as delegacións de alumando das diferentes escolas e facultades, así como as distintas actividades de cultura e de benestar, saúde e deporte

A reitora da Universidade, Carmen García Mateo, xunto coa vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria, Dolores González, visitou a media mañá o pavillón e percorreu os postos. Amouse moi satisfeita pola acollida dos actos de benvida nos tres campus, xa que a asistencia foi moi elevada a pesar de que o período lectivo non comeza ata o luns e, en moitos casos, as clases non arrancarán ata dentro de varios días. “É un éxito, estamos moi contentas porque os estudantes responden a estas chamadas e reciben toda a información que temos preparada para eles e isto quere dicir que as cousas están cambiando como sociedade e iso anima”. García Mateo tamén quixo agradecer o esforzo desenvolvido por todos os servizos da Universidade para organizar estes actos, así como a implicación das asociacións de estudantes, delegacións, etc. “porque hai moito traballo detrás”.

Neste sentido, incidiu na importancia destas interaccións, na necesidade de que coñezan a institución e os seus servizos, as e os compañeiros e todo o que ofrece a UVigo, porque “a vida universitaria é moito máis que a asistencia ás aula, hai toda unha parte cultural, deportiva, de voluntariado ou por exemplo iniciativas como o Coro Universitario ou a Orquestra Clásica da UVigo”, que estaban tamén presentes neste acto. Tamén se referiu aos proxectos “do alumando para o alumnado”, aos que se comprometeu a apoiar, como UVigo Motorsport, CES UVigo, UVigo SpaceLab ou UVigo AeroTech. “Todo isto é o que fai que o paso pola Universidade marque para toda a vida”.

A reitora tamén reiterou as boas cifras da matrícula rexistradas en primeiro por primeira vez, como xa avanzou onte en Pontevedra e o martes en Ourense e lembrou que “está practicamente completa” e amosouse moi satisfeita porque, de feito, “temos máis alumnado matriculado ca prazas ofertadas e iso quere dicir que temos que traballar para ofertar máis prazas nas titulacións de grao” e adaptar así a oferta á demanda real.

“Unha traxectoria pulcra e impecable de transparencia e de boa xestión económica”

A preguntas dos xornalistas sobre a proposta da Xunta de Galicia para reforzar o control económico sobre as universidades realizando auditorías externas, a reitora recalcou que “as contas da Universidade de Vigo están auditadas dende hai moitos anos por auditorías externas que, de feito, están penduradas na web. Temos que agardar a que nos proporcionen máis información sobre o que supón este anuncio da Xunta de Galicia porque realmente os Consellos Sociais xa executan esas tarefas”. Recalcou tamén que “a Universidade de Vigo, no exercicio da súa autonomía e a súa responsabilidade, ten unha traxectoria pulcra e impecable de transparencia e de boa xestión económica”.