DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición percorre máis dun século de creación cultural feminina en Galicia

A Biblioteca Central reivindica o legado das xornalistas-escritoras galegas nunha mostra dedicada a Begoña Caamaño

A actividade complétase cunha mesa redonda no edificio Redeiras o vindeiro mércores

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Lingua Galega
  • Cultura
D. Besadío DUVI 29/05/2026

Co gallo do Día das Letras Galegas 2026, dedicado á xornalista e escritora viguesa Begoña Caamaño, a Biblioteca Central organiza a exposición bibliográfica Entre o xornalismo e a literatura: Begoña Caamaño e outras voces galegas, unha proposta que percorre máis dun século de creación cultural feminina en Galicia a través de autoras que compartiron dúas vocacións: o xornalismo e a literatura. A mostra pode visitarse ata o vindeiro 15 de xuño e completarase cunha mesa redonda o vindeiro mércores, día 3,  no edificio Redeiras.

A exposición naceu da vontade de ampliar a presenza da obra de Begoña Caamaño nas actividades organizadas pola Biblioteca arredor das Letras Galegas. “Pensando como completar as obras de e sobre Begoña Caamaño, pensamos en facer unha mostra de escritoras galegas; logo, unha compañeira propuxo concretar máis e, xa que Begoña Caamaño era xornalista e tamén escritora, por que non facela doutras galegas que foran xornalistas e escritoras”, explica Paz de la Peña, unha das organizadoras.

Un percorrido por máis dun século de autoras galegas

A partir desa idea constrúese unha mostra que reúne, ademais das dúas novelas de Begoña Caamaño e publicacións sobre a súa figura, obras de autoras galegas que tamén desenvolveron unha traxectoria destacada nos medios de comunicación e na creación literaria. O percorrido abrangue desde pioneiras como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova ou Filomena Dato ata voces contemporáneas como Margarita Ledo, María Solar, María Xosé Porteiro, Ana Romaní, Rosa Aneiros ou Elena Gallego Abad, sen esquecer novas autoras como a xornalista de Faro de Vigo Carolina Sertal.

Cada autora conta cun cartel informativo e cunha selección de fondos pertencentes á Biblioteca Universitaria. Entre as pezas expostas destacan edicións históricas e publicacións singulares, como unha edición de 1897 da novela El tesoro de Gastón, de Emilia Pardo Bazán; unha edición das poesías de Filomena Dato de 1911; exemplares da revista Ilustración gallega y asturiana ou varios volumes da enciclopedia La Moda: el traje y las costumbres en la primera mitad del siglo XX, vinculados á figura de María Luz Morales, primeira muller que dirixiu un xornal en España (La Vanguardia).

Edicións históricas e fondos singulares

Desde a Biblioteca destacan especialmente o valor divulgativo da proposta. “A exposición, aínda que discreta, pensamos que ten o interese non só de difundir o fondo que temos na Biblioteca Universitaria, senón tamén o de dar a coñecer autoras que para moitas e moitos son descoñecidas”, sinalan. “Foron pioneiras que romperon barreiras”,  no senso de que abriron camiño nun contexto no que ás mulleres lles estaba vetado o acceso á universidade, á prensa ou á vida intelectual. Outras contribuíron a manter viva a cultura galega durante décadas e as máis novas continúan hoxe esa tradición desde os medios e a literatura.

A figura de Begoña Caamaño ocupa un espazo propio dentro da exposición, completada ademais cunha pantalla na que se proxectan en bucle distintos vídeos sobre a autora e cun panel visual, “a modo do das investigación policiais”, que establece conexións entre as distintas creadoras presentes na mostra.

Mesa redonda con Bea Caamaño, María Xosé Porteiro e Camiño Noia

As actividades arredor da homenaxe completaranse a vindeira semana coa mesa redonda Begoña Caamaño, do xornalismo á literatura, que se celebrará o mércores día 3 ás 19.00 horas na aula 1 do edificio Redeiras, aberta ao público en xeral.

Participarán Bea Caamaño, irmá da autora; a xornalista e escritora María Xosé Porteiro, que acaba de publicar o libro Begoña Caamaño, xornalismo para a cidadanía; e Camiño Noia, catedrática emérita da Universidade de Vigo e especialista na obra da escritora viguesa.

Desde a organización subliñan o carácter especialmente emotivo da cita, xa que as tres participantes mantiveron unha estreita relación persoal con Begoña Caamaño. Tras o falecemento da escritora en 2014, Camiño Noia impulsou unha homenaxe na Universidade de Vigo e tanto ela como María Xosé Porteiro participan tamén no volume colectivo O libro das amigas, publicado polo Consello da Cultura Galega.