DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovidos pola Deputación e impartidos por docentes do Centro de Linguas da UVigo

Bota a andar a sétima edición dos cursos de español para persoas inmigrantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Internacional
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/05/2023

50 persoas participarán na sétima edición dos cursos de español para persoas inmigrantes, unha actividade formativa gratuíta impulsada pola Deputación de Pontevedra e impartida por persoal docente do Centro de Linguas da Universidade de Vigo. En total, entre este mes e mediados de xullo impartiranse tres cursos en Vigo e Pontevedra que permitirán aos participantes obter a capacitación suficiente para superar as probas do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, trámite indispensable para poder solicitar a nacionalidade española.

Esta mañá arrancou o primeiro dos dous cursos que se desenvolverán na sede da Deputación na cidade olívica, no que participan dezanove persoas de oito nacionalidades. No acto de apertura celebrado na sede da Deputación en Vigo, a deputada provincial Ana Laura Iglesias; Mercedes Álvarez, coordinadora académica do Centro de Linguas e Cecilia Rodríguez, docente do curso, deron a benvida ás e aos participantes deste curso, que proceden de Brasil (7), Marrocos (5), Ucraína (2), Senegal (1), Nixeria (1), Rusia (1), Libia (1) e Mozambique (1). Ata o 16 de xuño recibirán 40 horas de formación por parte do persoal do Centro de Linguas cunha metodoloxía baseada no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para rendibilizar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba. Ademais da obtención do diploma de español como lingua estranxeira, esta formación redundará na súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.

Neste 2023 foron un total de 93 as solicitudes para asistir a estes cursos, que están dirixidos a persoas inmigrantes maiores de 16 anos que se atopan en situación regular en España, están empadroadas nalgún dos concellos da provincia e teñen coñecementos básicos da lingua española.  

Outras 14 persoas inician a súa formación esta tarde

Xunto co que arrancou esta mañá, pola tarde bota a andar outro curso no que participarán outras 14 persoas de Senegal (6), Marrocos (4), Brasil (3) e Ucraína (1). A súa formación realizarase en horario de tarde tamén ata o 16 de xuño. Unha vez rematen estes dous grupos, o 19 de xuño arrancará en Pontevedra un terceiro curso, que se estenderá ata o 12 de xullo e no que participarán 17 persoas de Marrocos (7), Brasil (6), Ucraína (2) e Ghana (2). 

Ao finalizar as tres edicións, o alumnado dos cursos poderá presentarse ao exame do DELE A2 que realiza o Instituto Cervantes en Vigo e que terá lugar o 8 de setembro.