DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A CRUE abre o concurso #HiloTesis a X, BlueSky, Threads, Mastodon e Instagram

Búscanse investigadores e investigadoras capaces de resumir a súa tese nun fío en redes sociais

O prazo de rexistrar as publicacións está aberto ata o 15 de xuño

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 06/06/2024

Por cuarto ano consecutivo, a Conferencia de Rectores y Rectoras de las Universidades Españolas (CRUE), en colaboración coa Red de Divulgación y Cultura Científica (RedDivulga) e a Fundación Ignacio Larramendi, busca investigadoras e investigadores dispostos a resumir a súa tese de doutoramento nun fío en redes sociais no concurso #HiloTesis

O obxectivo deste certame é que as e os estudantes de doutoramento e as persoas que defendesen a súa tese nos últimos 12 meses, dean a coñecer os seus traballos para reforzar a relevancia social da investigación. O ano pasado, na terceira edición, presentáronse 384 teses de 47 universidades asociadas a CRUE, resultando gañadora a investigadora da UVigo Vanesa Sanz, que se impuxo na final a representantes doutras 46 universidades de todo o Estado. Nun fío de 20 chíos explicaba como converter “lixo en xelatina” resumindo así o proceso de aproveitamento de biocompostos de fontes agrícolas e mariñas.

Prazos e premios

Para participar, as persoas interesadas teñen que elaborar unha publicación en formato de fío nas redes sociais X, Threads, BlueSky e Mastodon ou empregando o carrusel de imaxes de Instagram. Unha vez publicado o fío, as persoas participantes poden inscribirse no curso ata o vindeiro 15 de xuño a través deste enlace.

Unha vez pechado o prazo, cada unha das universidades participantes desenvolverá unha fase local na que se elixirán os representantes que pasarán á fase nacional. Nesta cuarta edición haberá seis premios dotados con 500 euros cada un, grazas ao financiamento achegado pola Fundación Ignacio Larramendi. 

Requisitos dos fíos

A primeira publicación do fío ou carrusel deberá incluír obrigatoriamente o cancelo #HiloTesis e, se é posible, citar ou etiquetar nunha imaxe a @CrueUniversidad, @RedDivulga, @filarramendi e a conta da universidade e da súa UCC+I. Aínda que o fío se pode publicar en calquera das redes sociais recollidas nas bases, cada participante deberá indicar no formulario con cal delas desexa participar. 

O contido debe adaptarse a unha linguaxe sinxela, accesible e atractiva e os fíos non poden superar os 20 mensaxes/tuits/post nas redes de microblogging X, BlueSky, Threads ou Mastodon ou as 10 imaxes en Instagram (ou un vídeo e 9 imaxes) xunto cun texto descritivo coas limitacións de extensión que establece esta rede social.

Os fíos poden estar en calquera das linguas cooficiais do Estado, pero as universidades proporcionarán unha versión traducida ao español no caso de que o fío resulte elixido para a fase nacional.

Para enriquecer as publicacións, as e os investigadores poderán empregar toda clase de elementos que ilustren e axuden a captar a atención do lector ou o fagan máis atractivo, como enlaces, emoticonos, vídeos, imaxes, gif, etc. 

Xurado e criterios de valoración 

Unha vez pechado o prazo de inscrición, cada universidades elixirá, no prazo de sete días a publicación finalista que participará na fase nacional. Nela, un xurado que estará integrado por persoas expertas en comunicación e representantes da Fundación Ignacio Larramendi, avaliará cada unha das candidaturas atendendo á expresión e contido, á creatividade e á adecuación do fío aos obxectivos do concurso, no que a divulgación e a transferencia social do coñecemento son o eixe principal.

O fallo farase público na primeira quincena de xullo.