167,2 millóns de euros, este é orzamento co que conta a Universidade para o vindeiro ano, unha cifra que supón unha redución do 4,60% con respecto ao actual exercicio, no que a cantidade ascendía a 176 millóns de euros. En verbas do vicerreitor de Economía e Planificación, Xosé Manuel García, encargado de presentar ao Claustro as liñas xerais do documento será “un orzamento moi restritivo en canto aos gastos, pero é a única posibilidade para manter esta Universidade no bo camiño”, sinalou en relación á necesidade de manter a política de austeridade iniciada o curso pasado. Nunha sesión marcada pola valoración de resultados do Plan de Financiamento do SUG, aprobado o pasado venres, o reitor, Salustiano Mato, defendeu o apoio a este documento, “porque contén todo o que propuxo a Universidade” en relación a que o financiamento por obxectivos e resultados se fará realidade no 2015, cando o 30% do total do orzamento das universidades galegas se rexa por estes criterios.
13/12/2010