O soño está máis preto. O proxecto de Campus do Mar presentado pola Universidade de Vigo, xunto coas de Santiago de Compostela e A Coruña, á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional ten superado, segundo confirmou este mediodía o Ministerio de Educación e, posteriormente, o reitor, Salustiano Mato, a primeira fase desta convocatoria. “É unha gran noticia para a Universidade de Vigo, unha gran noticia para Galicia, o Campus do Mar está xa na final do Campus de Excelencia”, subliñou con gran satisfacción o reitor, que destacou a importancia de que o Campus do Mar sexa un dos 13 proxectos que superou esta primeira fase.
A proposta viguesa, que acadou a 8ª posición entre as 13 institucións que pasaron a primeira fase, foi seleccionada de entre un total de 32 proxectos procedentes de 13 comunidades autónomas.
08/07/2010