Con actividades adaptadas ás novas tendencias deportivas e aos gustos dos usuarios, botan a andar as Escolas Deportivas da Universidade de Vigo, un programa que cada ano reúne a centos de persoas nos tres campus para practicar exercicio físico dun xeito ameno. Nesta ocasión a oferta é máis diversa ca nunca, pois consta con preto de cincuenta deportes que van dende clásicos como o aeróbic ou a natación ata outros tan modernos e orixinais como o aerobox, body tono, capoeira, full contact ou danzas orientais. Entre as actividades con máis éxito están o ioga, o tenis e o xadrez, se ben hai outras como o spinning ou o pilates, unha mestura de traballo físico, control corporal e relaxación activa, que cada vez teñen maior acollida.
Achegando unha oferta diversificada e diferenciada a cada campus, o Servizo de Deportes da Universidade de Vigo pretende facilitar a estudantes, PDI e PAS a posibilidade de practicar disciplinas deportivas ás que normalmente non teñen acceso, ademais dunha axeitada canle para adquirir hábitos saudables
29/09/2008