1.000.000.000.000. Ese é o número de neuronas que se estima que temos, máis que estrelas na nosa galaxia, e todas cunha personalidade propia: dependendo do tipo de proteína que teñen as súas membranas, o seu comportamento é un ou outro, incluso chegando a constituír unha sorte de clan familiar. Dende os anos 50, os expertos deron por válido que cada neurona funcionaba “como unha pequena pila”, cunha diferenza de voltaxe de entre 80 e 100 milivoltios que empregan para enviar información e que se consegue a través de canles de dobre dominio de poro, membranas con pequenos buratos que deixan pasar só determinadas substancias. Agora, dez anos despois de corroborar esa hipótese, un grupo de investigadores da Facultade de Bioloxía vén de descubrir que ese tipo de canles danse no sistema nervioso simpático, aquel que regula a actividade inconsciente do corpo, como a respiración. “A importancia é que engadimos estas canles a todo o sistema nervioso”, recoñece José Antonio Lamas, investigador principal.
23/03/2011