Tras cinco anos consecutivos de celebración na Praza Miralles, o San Teleco volve na edición do 2008 ás súas orixes, “unha xornada de convivencia dos universitarios que nos permita estar xuntos un día de festa”, sinala desde a Delegación de Alumnos, Vicente Vázquez.
Foron os propios alumnos da ETSE de Telecomunicación os que, unha vez finalizada a celebración da festa do ano pasado, abriron un proceso de reflexión que lles levou a tomar a decisión de refundar o festexo do seu patrón, que co paso dos anos xa non recoñecían como a súa festa. Para favorecer a participación da comunidade universitaria, a festividade celebrarase o xoves 6 de novembro no aparcamento da escola. Tras un relatorio sobre o acelerador de partículas, comezará festa co recuperado pregón, a procesión do meco e a entrega de premios aos gañadores nas diferentes competicións. Coa degustación de comida tradicional e música de ruada finalizarán as celebracións do San Teleco 2008.
30/10/2008