Aburrirse na Universidade non será fácil este outono, pero se a alguén lle queda a tentación, a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes ponllo difícil, xa que entre as múltiples actividades que teñen programadas para encher o tempo libre de estudantes e demais membros da comunidade universitaria hoxe abren o prazo de matrícula para os 42 obradoiros que se van levar a cabo nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.
Ás propostas xa tradicionais e consolidadas coma teatro, fotografía, guitarra ou poesía únense novas apostas, algunhas que se estrearán este curso, caso dun obradoiro sobre igualdade de oportunidades en Pontevedra, e repetirán outras que botaron a andar na anterior edición con notable éxito, caso do de Educación Viaria en Ourense.
13/10/2008