Maioritariamente o Consello de Goberno da Universidade de Vigo pronunciouse hoxe a favor dunha limitación na suba das taxas de matrícula para os dous vindeiros cursos, de xeito que non se supere o 50% do crecemento anual do IPC oficial.
O pronunciamento, que segundo apuntou o reitor, Alberto Gago, “ten en consideración a actual situación económica”, ademais de defender a contención das taxas nos dous próximos anos, insta tamén a definir canto antes un novo sistema de taxas de matrícula discriminatorio por tramos de renda, o que permitiría non incrementar o importe das rendas máis baixas e aplicar incrementos máis que proporcionais para as máis elevadas.
O acordo, no que se abstiveron os membros do grupo de oposición Nova Universidade, demanda, tamén, un reforzamento notable e simultáneo da oferta de bolsas, evitando así que ningún estudante con capacidades, corra o risco de quedar excluído por razóns económicas.
11/06/2008