Preto de 15.000 quilómetros separan Vigo de Hawaii. Alí, no arquipélago estadounidense, tres investigadores da Facultade de Ciencias do Mar, en colaboración coa Universidade de California en Santa Bárbara, realizan un estudo centrado no crustáceo anomuro do xénero Hippa. O decano, Jesús Souza Troncoso; o vicedecano, Jesús López e o profesor Mariano Lastra embarcáronse neste proxecto en 2006, cando realizaron a primeira campaña nestas illas. Un ano máis tarde volveron a Hawaii para continuar coa investigación á que agora poñen punto e final. En estreita colaboración con expertos californianos, os tres representantes da Universidade de Vigo analizan, ata o vindeiro 26 de novembro, as características de este caranguexo de apenas 3 centímetros. Explican que traballan en praias areosas para estudar a densidade da poboación deste animal en función da granulometría e do hidrodinamismo da cada praia; a coloración que adopta en función do tipo de area; a súa velocidade de enterramento; a fecundidade ou a as preferencias alimentarias.
18/11/2011