A matrícula rexistrada no primeiro curso das máis de 50 titulacións ofertadas pola Universidade de Vigo ascende a 3615 alumnos e alumnas, o que se traduce en case un 13,5% de incremento respecto do curso 2009-2010 no que a cifra de matriculacións acadara as 3128. “É un dato moi positivo”, sinalou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, “que indica un incremento significativo se se compara coa media das universidades españolas que é dun 10% e máis no caso da demografía de Galicia que non é unha comunidade con moita poboación en idade universitaria”. Na súa comparecencia o reitor destacou que do total de prazas ofertadas nos primeiros cursos cubríronse o 91,7%, quedando para o 8,3% restante (317 prazas) un prazo de solicitude que remata o 10 de novembro.
08/11/2010