Por que non cultivar cabaliños de mar tropicais cos que abastecer o mercado da acuariofília en Europa ou peixe sapo a través da acuicultura para o consumo humano? As respostas a estas preguntas teñen premio, concretamente o galardón Marine Inova 2011, promovido polas empresas Marine Instruments e Inova Consultores en colaboración co Campus do Mar coa finalidade de promover a innovación tecnolóxica entre o alumnado. Lara García, licenciada en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, foi quen de confirmar a viabilidade da comercialización de dúas especies de cabaliños de mar tropicais para abastecer o mercado europeo. Mentres, Ignacio Gestoso, alumno de doutoramento do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, centrouse no estudo da viabilidade do peixe sapo como especie comercial, algo que ata o de agora non se levara a cabo. Foi precisamente ese espírito innovador que os traballos zumegan o que lles fixo merecedores do premio Marine Inova 2011 que hoxe entregaron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o socio-director de Inova Consultores, Alberto Casal e o socio e director de I+D de Marine Instruments, Francisco Pino.
20/09/2011