O persoal de recursos humanos de firmas como Inditex, Adolfo Domínguez, Desigual, Carolina Herrera ou Purificación García entrevistou este venres ás novas tituladas e titulados da Escola de Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza, Esdemga. A cita era na Casa das Campas e alí estaban todos desde primeira hora da mañá. Rostros cansos porque a semana foi intensa, e nas horas previas ao Debut2013 os nervios foron moitos, pero agora o importante, é convencer da súa valía e deixar “ben claro que xa formamos parte de toda unha nova xeración de creadores”, subliñaba un dos alumnos, mentres desde o equipo docente os informaban das entrevistas para as que foran seleccionados cada un deles. “É unha xornada moi intensa que sirve de engarce co mundo real aos nosos novos titulados”, subliñou a directora dos estudos, Lola Dopico, ao remate dunha semana “moi enriquecedora na que tanto o alumnado como o equipo docente aprendemos moito”.
22/11/2013