Coa constitución formal do Padroado do Centro Superior da Defensa realizada este venres, a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín dan un paso máis para que en setembro de 2010 se poña en marcha o título de Enxeñaría Industrial e os estudantes da escola saian co seu despacho militar nunha man e un grao, completamente adaptado ao Espazo Europeo de Educación Superior, na outra. Para darlle un impulso definitivo cara a ese obxectivo na súa primera xuntanza o Padroado nomeou a José María Pousada, quen ata febreiro dirixiu a ETSE de Telecomunicacións, director do novo centro. Na reunión estivo presente a subscretaria do Ministerio de Defensa, María Victoria San José; o reitor da Universidade, Alberto Gago; o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela; e o comandante director da ENM, José Luis Urcelay; ademais doutros representantes militares.
24/04/2009