Jesús Hernández Sánchez remata esta semana o seu período como vicerreitor do campus de Pontevedra para darlle paso a Antonia Blanco. Define os últimos catro anos como unha etapa dura, pero frutífera, na que se conseguiu consolidar unha estrutura e un equipo propios para o campus, coa Casa das Campás como ponte entre a cidade e a Universidade. Con todo, marcha cunha espiña cravada, “non ter acadado os obxectivos estrela, por causas alleas”, en referencia ao Edificio das Artes. “Voume coa espiña de non ter empezado, pero coa satisfacción de non telo esquecido”, subliña. Asegura que non hai volta atrás e que o lóxico é que o campus siga medrando ás dúas beiras do Lérez e con dependencias non docentes no centro da cidade. Con respecto á nova etapa que comeza, sinala que aproveitará para gozar da docencia en Belas Artes e potenciar a súa faceta como creador artístico.
16/06/2010