Na década dos oitenta, un bo feixe de autores entre os que se atopaban nomes como Manuel Abad, Xosé Búa, Antón Caeiro, Eloy Lozano, Xavier Villaverde ou Antón Reixa aproveitaron o boom do vídeo para expresar as súas ideas e achegar unha nova imaxe de Galicia. Esas pezas de videocreación “tiveron moita importancia a nivel estatal e internacional pero quedaron esquecidas polas outras facetas que estes autores desenvolveron despois”, explica Fernando Suárez, autor dunha tese grazas á que agora se recupera ese fito da cultura galega. Ademais dos citados anteriormente, Ignacio Pardo, Guillermo Represa, Demetrio Rodríguez e Antonio Segade completan o panel de autores que Suárez inclúe na súa tese. “Non están todos, pero si os máis paradigmáticos, aqueles que collían camiños distintos ou tiveron moita importancia”, xustifica. Eran poucos pero esa situación excepcional na evolución da cultura galega facilitou a colaboración entre eles, xerando interrelacións múltiples e sentado as bases do actual panorama audiovisual galego.
23/09/2009