Un ensaio sobre o xenocidio elaborado por Antonio Míguez Macho e un estudo empírico sobre a integración dos inmigrantes, autoría de Sara López Gómez, foron os traballos seleccionados polo xurado para compartir o primeiro Premio Alexandre Bóveda de investigación en Ciencias Sociais. O presidente do xurado, Ramón Villares, anunciou este xoves a decisión adoptada por unanimidade. As obras premiadas, “distintas pero ambas encaixables no espírito que a figura do político galeguista representa", impuxéronse ao resto dos orixinais presentados, “de moi boa calidade”, segundo Villares. O que fixemos en Galicia: ensaio sobre o concepto da práctica xenocida é o título da obra de Antonio Míguez, doutor en Historia contemporánea e vencellado ao proxecto As vítimas, os nomes, os lugares. Pola súa banda, a obra de Sara López, Fluxos migratorios e escola intercultural: un estudo diagnóstico en Galiza, é un estudo empírico sobre a inmigración e os problemas que pode presentar a integración do inmigrantes nun marco cultural e educativo diferente ao seu.
06/11/2008