Máis aló da formación regrada, o paraugas do Espazo Europeo de Educación Superior abranguerá tamén, a partir deste curso, actividades culturais como os obradoiros de Extensión Cultural. Deste xeito, a participación neste tipo de actividades validarase non só con créditos de libre elección senón que, para os estudantes que xa cursen graos, permitirá obter créditos ECTS. Para isto, todas as actividades terán un mínimo de 30 horas de duración, “o mínimo esixido para acadar un crédito ECTS”, explica a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza. Para este primeiro cuadrimestre, entre os tres campus da Universidade ofértase un programa que comprende 35 obradoiros, dos que 16 se impartirán en Ourense, 8 en Pontevedra e 11 e Vigo. Para Cabeza, "constitúe unha oferta complementaria para o currículo, para que o estudantado poida aproveitar o paso pola Universidade para ter outro tipo de formación, como a artística ou o voluntariado”.
05/10/2009