As axudas permitirán ampliar e actualizar a dotación instrumental do centro
O CACTI consegue 1,4 millóns de euros de fondos Feder para mellorar a súa oferta tecnolóxica
Licitaranse tres grandes infraestruturas de utilidade en sectores clave como saúde ou agroalimentaci
O Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación da Universidade de Vigo, CACTI, reforzará este ano a súa oferta tecnolóxica grazas á consecución de tres axudas para a adquisición de equipamento científico-técnico do ano 2024 por valor de 1,4 millóns de euros, axudas convocadas no marco do Plan Estatal de Investigación Científico e Técnica e de Innovación 2021-2023, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Feder.
“Debemos entender estas convocatorias de fondos non simplemente como unha mera fonte de financiamento, senón tamén como unha especie de catalizador que permite impulsar a excelencia investigadora, a través da adquisición de instrumentos e tecnoloxías punteiras coas que alcanzar novas fronteiras do coñecemento”, explica a directora do centro, Sandra Bolaño, quen considera que o financiamento deste tipo de proxectos representará un “impulso á investigación de calidade, xerando novos coñecementos que poderán ser aplicados a sectores clave como a saúde ou a agroalimentación”.
Novos equipos para o servizo de Proteómica e Xenómica...
As axudas acadadas permitirán, ao longo de 2025, a licitación de tres grandes infraestrutuas. A maior partida, 845.534 €, destínase á adquisición dun difractómetro de monocristal de dobre ánodo (Cu e Ag) e detector de ultra sensibilidade que se instalará no Servizo de Determinación Estrutural Proteómica e Xenómica. “Este tipo de técnica permite o estudo preciso da estrutura interna dos materiais, o que permite entender e modular as propiedades físicas, químicas e/ou biolóxicas dos sistema mostra”, explica a directora do CACTI.
Para este mesmo servizo irá tamén unha axuda de 305.623 euros, fondos que se destinarán á actualización dun equipo de resonancia magnética nuclear de 600 MHz, con consola, sonda e cambiador automático de mostras, “o que proporcionará información detallada da estrutura, dinámica e composición das moléculas, revelando a súa estrutura tridimensional, o que é crucial na síntese de novos compostos, na análise de produtos naturais e no deseño de fármacos”.
… e para o de Seguridade Alimentaria, en Ourense
A terceira axuda, neste caso 250.842 euros, empregarase para a compra dun espectómetro de masas de plasma con acoplamento indutivo (ICP-MS), que se instalará nas instalación do Servizo de Seguridade Alimentaria e Desenvolvemento Sostible, no campus de Ourense. “Neste caso trátase dunha técnica analítica de alta sensibilidade, amplo rango espectral, capacidade multielemental e análise isotópico de alto rendemento que permite a análise de múltiples mostras en tempos curtos”, explica Bolaño, ao que engade que esta técnica é, “especialmente valiosa”, en campos como a análise ambiental, medicina, industria alimentaria e xeoquímica.
Os usuarios potenciais serán, a xuízo da dirección do centro, entre un 60-70% o propio persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, un 20% doutras institucións públicas ou organismos sen ánimo de lucro e, o resto, provenientes de empresas privadas.
“É imprescindible contar con equipamento científico de última xeración”
“Os centros de apoio á investigación pública como o CACTI desempeñan un papel crucial no avance científico e tecnolóxico das rexións e mesmo dos países. Para manter a vangarda nun mundo que evoluciona permanentemente é imprescindible contar con equipamento científico de última xeración, e é aquí onde os Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder) e a Xunta de Galicia emerxen como aliados estratéxicos das universidades públicas”, subliña a directora do CACTI, quen se amosou convencida de que estas infraestruturas permitirán, “sen dúbida, mellorar as capacidades analíticas e reforzar a oferta tecnolóxica do centro”.
O CACTI celebrou en 2024 o seu 30 aniversario convertido nun centro de referencia, “dotado dunha moi alta infraestrutura de investigación sen comparación na nosa contorna xeográfica”, explicaba naquel intre Bolaño, ao que engadía que se ofrecen os “servizos máis punteiros da investigación científica” e que “só nos últimos cincos anos”, coa pandemia da covid19 polo medio, xestionaron preto de 15.000 servizos a máis medio cento de organismos públicos de investigación, tanto de España como de Portugal, ademais de resolver infinidade de peticións dos grupos de investigación da propia Universidade e dunha longa listaxe de empresas e centros tecnolóxicos.
