DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo que analizou o comportamento de 154 xogadores durante oito tempadas

Por cada ano que cumpren, o rendemento físico dos futbolistas da liga española diminúe un 2% Por cada ano que cumpren, o rendemento físico dos futbolistas da liga española diminúe un 2% 

Realizado por investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 15/09/2022

Por cada ano que cumpren, a distancia que os xogadores da primeira división do fútbol español percorren sobre o campo a máis de 21 quilómetros por hora diminúe un 1,8%.Esta é unha das principais conclusións do estudo que os investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ezequiel Rey, Miguel Lorenzo e Carlos Lago realizaron do rendemento tanto físico como técnico-táctico de 154 xogadores da liga española ao longo de oito tempadas e que constitúe a primeira investigación de carácter lonxitudinal sobre os efectos da idade no fútbol de elite, no que se compara o comportamento dun mesmo xogador en diferentes tempadas. Grazas ao convenio de colaboración que a Universidade de Vigo asinou o pasado ano coa Liga de Fútbol Profesional, os investigadores puideron analizar os datos capturados durante oito anos polo sistema de tracking de LaLiga, o que lles permitiu constatar tamén que o número de accións que os xogadores realizan durante un partido “a alta intensidade”, a unha velocidade superior aos 21 quilómetros por hora, diminúe un 1,42% cada ano que pasa. Pola contra, á vez que empeora o seu rendemento físico segundo van cumprindo anos, melloran as súas prestacións técnico-tácticas, xa que a porcentaxe de pases que realizan con éxito aumenta un 0,25% cada tempada.

Os resultados desta investigación recóllense nun artigo publicado no Journal of Science and Medicine in Sport, unha das principais revistas científicas da área das ciencias do deporte, como explica Rey, que os docentes do campus pontevedrés asinan xunto con Roberto López e Ricardo Lesta, da área de investigación de LaLiga. “Este artigo ten algo moi novidoso, que non se fixera ata agora”, salienta o catedrático Carlos Lago, xa que a evolución do rendemento físico e técnico dos futbolistas fora estudada previamente comparando xogadores de diferentes franxas de idade. Mais neste caso, engade, trátase “dunha comparación do mesmo xogador consigo mesmo ao longo da súa carreira”. De feito, como engade Rey, fóra de disciplinas nas que se compite de xeito individual, “non había ningún estudo lonxitudinal que avaliase o rendemento, xa non digo só no fútbol, senón tampouco noutros deportes colectivos como o balonmán, o baloncesto ou o rugby”. 

Empeoramento e mellora en dous factores decisivos no xogo

Partindo dos datos de LaLiga, o estudo abrangueu un total de 14.092 “observacións individuais” dun total de 154 xogadores que competiron na primeira división española entre as tempadas 2012-2013 e 2019-2020. Os principais resultados desta análise amosan como a distancia total percorrida “a alta intensidade” descendía un 1,8% de media cada ano, mentres que o número de accións realizadas a esa velocidade superior aos 21 quilómetros por hora facíao un 1,42%. Neste punto, Rey pon o acento en que se ben durante boa parte do partido os futbolistas “corren a baixa intensidade, camiñan ou mesmo están parados”, as súas “actuacións determinantes”, tanto en ataque como en defensa, son precisamente as que implican “esforzos de alta intensidade”. De aí a relevancia, subliña o investigador do grupo Remoss, deste descenso progresivo do seu rendemento físico, xa que “en dez tempadas, estaríamos falando de que un xogador perde preto dun 20% dunha capacidade decisiva”. 

No lado contrario a este descenso que, como apunta Lago, acentúase a partir do 30 para ser xa moi elevado “a partir dos 35”, atópase a mellora na porcentaxe de acerto nos pases realizados, que amosa “que cantos máis anos ten un xogador, máis domina e entende o xogo”, como salienta este catedrático. “O que se detecta é que ano a ano hai un empeoramento significativo do rendemento físico e esa melloría técnica podería ser un dos factores que explique que haxa futbolistas con traxectorias moi longas, que conseguen seguir xogando a idades moi avanzadas”, engade Miguel Lorenzo. Nesta mesma liña, Lago pon o acento en como na actualidade os deportistas “son capaces de permanecer durante máis anos ao máis alto nivel”, o que vén motivado ao seu xuízo por factores como “as achegas da ciencia aos métodos de adestramento e sistemas de recuperación” ou a “maior profesionalización” no mundo do deporte. De feito, como lembra Rey, un factor “importante á hora de analizar os resultados deste estudo” é ter en conta que os futbolistas analizados son “xogadores do máximo nivel”, capaces de permanecer varias tempadas nunha das principais ligas do mundo, o que fai presupor que ese descenso no rendemento físico podería ser “aínda máis drástico” naqueles que pasan a competir nunha competición inferior. 

Centrais e centrocampistas resisten mellor 

Aínda que se dá en todas posicións, o estudo permitiu tamén constatar que este efecto da idade no rendemento físico é maior nos laterais, extremos e dianteiros que anos defensas centrais e centrocampistas. Concretamente, a distancia percorrida a alta intensidade descende cada tempada un 1,99% nos laterais, un 1,96% nos extremos e un 2,32% en dianteiros, mentres que só diminúe un 0,89% no caso dos centrocampistas e un 1,37% no dos centrais. Pola contra, estas dúas posicións presentan os mellores datos na mellora da eficacia no pase, que aumenta, respectivamente, un 0,43% e un 0,34% cada ano. Nas restantes posicións dáse tamén unha mellora, aínda que en porcentaxes inferiores, do 0,1% no caso dos laterais e do 0,2% no de extremos e dianteiros.

“Os achados permiten entender en que postos pode ser interesante manter futbolistas veteranos e en cales sería mellor firmar xogadores novos. Dá pistas moi interesantes da valoración de mercado dos xogadores”, destaca Carlos Lago, que incide en como, no caso daqueles xogadores que “constrúen o xogo”, como centrocampistas ou mediocentros, “a idade non é un impedimento, xa que interesan xogadores que dominen o xogo”. Pola contra, engade o catedrático, “nos postos que teñen maior demanda física, laterais e interiores, é máis difícil descubrir xogadores de máis de 30 anos que sigan mantendo un rendemento moi alto”. 

Un estudo inserido na colaboración con LaLiga

Este artigo constitúe un dos primeiros estudos realizados polos investigadores da UVigo cos datos obtidos pola Liga a través do sistema Mediacoach, ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a UVigo e a Liga de Fútbol Profesional. “Somos unha das poucas universidades que ten un convenio coa liga para isto”, sinala Lago, que incide na importancia deste convenio tanto en termos de investigación, como de transferencia do coñecemento, xa que “outra parte que estamos explorando é a elaboración de informes para os clubs con estes datos”.