Belas Artes acolle un obradoiro da filósofa Elodie Moreau, no marco da Bienal de Pontevedra
Cal é o poder da arte fronte á guerra?
No mes de xullo, a facultade acollerá un taller da artista peruana Violeta Quispe
Este sábado 21 de xuño, a 32 Bienal de Arte de Pontevedra celebrará a súa xornada inaugural, na que abrirán as súas portas os diferentes espazos expositivos do evento, entre os que se atopa a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Mais a programación da bienal arrancou xa con actividades como o obradoiro que este xoves e venres imparte na Facultade de Belas Artes a filósofa Elodie Moreau. “Cal é o poder da arte fronte á guerra?” é a pregunta que articula este seminario de “filosofía práctica”, que busca xerar un diálogo sobre o papel da arte en situacións de conflito, a través de cuestións como se esta é unha vía de escape do mundo ou un xeito de transformalo.
Formada nas universidades de Galatasaray, Sorbona e Rennes 1, na traxectoria de Moreau combínase o seu labor como docente co seu traballo en proxectos centrados na protección de especies en perigo de extinción e na preservación da memoria de poboacións obrigadas a migrar por causas ecolóxicas e sociais. No seu obxectivo de levar a filosofía máis aló do ámbito académico, o seu obxectivo neste obradoiro, explicou, era “xerar un diálogo e compartir ideas”, outorgando o protagonismo ás e aos participantes. “O taller formúlase como unha conversa que comeza coa pregunta de como pode a arte promover a paz en tempos de guerra”, engadiu o vicedecano Ignacio Pérez-Jofre, na apertura dun seminario "directamente relacionado co tema central da bienal”, que leva por título Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais.
Tras a primeira sesión, o taller continúa pola tarde coa realización dunha colaxe baseada nas ideas abordadas e complétase este venres 20, ás 12.00 horas, cun coloquio aberto ao público nas ruínas de San Domingos, que terá como eixe a instalación Barricade.
Taller de Violeta Quispe
Tamén no marco da programación de actividades complementarias da bienal, Belas Artes acollerá en xullo un taller da artista peruana Violeta Quispe. Financiado polo Departamento de Pintura, este obradoiro estará centrado na realización dunha táboa sarhua, unha “expresión cultural e artística” do pobo sarhua do Perú, consistente no traballo cunhas táboas en formato vertical nas que se pintaba “a vida cotiá, social e cultural do lugar”. Da man dunha artista que forma parte da exposición que poderá verse no Pazo da Cultura, este obradoiro permitirá afondar no uso desta linguaxe visual “tanto en contextos tradicionais como contemporáneos”, así como achegarse os procesos creativos dunha artista cuxa obra céntrase en “reclamar a igualdade da muller e denunciar a violencia de xénero, sobre todo das mulleres indíxenas”, segundo recolle o texto de presentación deste taller.
Baixo título Sarhua tablaykita pagarichiy / Crea a túa táboa sarhua, o obradoiro desenvolverase entre 7 e o 9 de xullo e está aberto a profesorado, estudantes e graduados e graduadas da facultade. As inscricións poden realizarse ata o 4 de xullo no correo jofre@uvigo.gal.
Novos valores na Sala Moldes
A Bienal de Arte de Pontevedra levará a obra de 60 artistas de 28 nacionalidades a 13 espazos da cidade, entre os que se atopa a sala de exposicións da Vicerreitoría do campus. Alí poderá verse desde este sábado a mostra que reúne os proxectos de Andrea Davila e Carlos Fer, gañadores do Certame de Residencias Artísticas Novos Valores do Museo de Pontevedra. Investigadores da Facultade de Belas Artes, este galardón levounos a realizar unha estadía na Fundación Nicole & Walter Leblanc de Bruxelas e no Centro de Residencias Artísticas Matadero de Madrid, onde traballaron nos últimos meses nos proxectos artísticos que protagonizarán a exposición da Sala Manuel Moldes.
Concretamente, Andrea Davila presentará O corpo é terra que se converte en xardín en contacto coa auga, “unha instalación en proceso de explora a relación entre materia, corpo e auga”, como sinalan desde a organización. Carlos Fer, pola súa banda, amosará Exercicios para colgar unha pintura, un proxecto no que “investiga de que maneira a disposición física dunha pintura no espazo pode alterar radicalmente o seu sentido” e o xeito no que é percibida.
Ademais, a programación da bienal permitirá tamén coñecer as creacións das artistas e profesoras da facultade Almudena Fernández Fariña, Marina Núñez e Carmen Hermo, cuxas obras poderán verse no Edificio Castelao do Museo e no Convento de Santa Clara.