DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un xornada achega ao alumnado da FFT alternativas para o seu futuro laboral

Cales son as saídas profesionais para os estudantes de galego?

Este curso cómprense 25 anos dende que se comezasen a impartir estudos de galego na UVigo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 05/02/2021

E cando remate o grao, que? Ese é unhas preguntas que máis se fan os estudantes universitarios a media que se van achegando ao fin de súa etapa académica. Pero a incerteza depende, en moitos casos, da titulacións que se estea a cursar. Para tratar de achegar alternativas e opcións diferentes, a Facultade de Filoloxía e Tradución organizou unha xeira informativa centrada nas diferentes saídas que teñen os estudos de galego hoxe en día. 

A apertura do acto, que por mor da situación sanitaria, se celebrou en modalidade virtual a través do Campus Remoto, correu a cargo do director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, Alexandre Rodríguez e da docente Antía Monteagudo, que explicaron que a xornada naceu pola propia demanda do alumnado para poder “coñecer as saídas do galego”. Dende o departamento, explicaba Rodríguez, “temos moi claro que estamos aquí para axudar en todo o que poidamos, non só dende a perspectiva da docencia”, senón tamén no que atinxe a “outras necesidades ou peticións que poidamos cubrir”, como neste caso.

Ao alumnado asistente á xeira, Alexandre Rodríguez lembroulles que “sodes nestes momentos os nosos estudantes, pero seredes tamén o futuro inmediato profesional que, directa ou indirectamente, vai ter que relacionarse coa lingua galega". Neste sentido engadía, "se a vós vos vai ben, a nós iranos moi ben, con independencia de que acabedes sendo escritoras, profesoras, técnicas de normalización, investigadoras, etc.”

25 anos de estudos de galego na UVigo. Un camiño que se iniciou en Pontevedra

Os encargados de poñer sobre a mesa o abano de posibilidades que se lles abre aos estudantes foron tanto docentes da propia facultade como ex-alumnado da mesma. Todas e todos eles “pertencen ás diferentes xeracións que saíron das nosas aulas, dende a antiga Licenciatura en Filoloxía Galega, ao Grao en Estudos de Galego e Español e o Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios”, puntualizaba Rodríguez. Precisamente, o director do departamento quixo poñer sobre a mesa unha importante efeméride para a facultade, xa que neste curso cómprense 25 anos dende que se comezaron a impartir estudos de galego na Universidade de Vigo. “Foi en setembro de 1996, no campus de Pontevedra, cando naceu a Licenciatura en Filoloxía Galega”, lembraba.

Continuar estudando, opositar, investigar, escribir...

A primeira parte da xornada centrouse nas diferentes alternativas para continuar coa formación tras rematar os estudos de grao. No que se refire aos mestrados, o propio Alexandre Rodríguez, deulles a coñecer o Mestrado Interuniversitario en Lingüística Aplicada, MILA. Posteriormente, Ana Fernández e Alejandro Solla explicaron ás persoas asistentes en que consiste o Mestrado de Secundaria e achegaron a súa experiencia como docentes substitutos. Posteriormente, Andrea Castelo falou sobre o proceso das oposicións, explicando os tipos de prazas, convocatorias, exames, preparación, etc.

Para as persoas interesadas en orientar o seu futuro ao eido da investigación, Antía Monteagudo, docente da FFT e co-organizadora desta xeira, explicoulles polo miúdo en que que consiste o doutoramento e a realización da tese, que supón o inicio da carreira investigadora na Universidade da Vigo. Alba Aguete, pola súa banda, encargouse de relatarlles como se desenvolve esta profesión noutros centros de Galicia. 
A parte final da xornada centrouse en dúas alternativas profesionais alleas ao mundo académico. Así, Xurxo Martínez, responsable da Área de Normalización Lingüística do Concello de Redondela trasladoulles a súa experiencia neste eido, mentres que Vanesa Ferreira, os puxo en contacto co mundo cultural galego dende o seu punto de vista como creadora e editora.