Ao longo desta semana familiarizáronse no campus con diferentes tecnoloxías
O campamento tecnolóxico Aldaba-TIC contou coa participación dunha trintena de nenas e nenos
O obxectivo da iniciativa é fomentar vocacións tecnolóxicas desde unha perspectiva de xénero
Do 23 ao 27 de xuño, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolleu a celebración dunha nova edición do campamento tecnolóxico de verán destinado á rapazada Aldaba-TIC Camp. Nel, unha trintena de nenas e nenos familiarizáronse con diferentes tecnoloxías desde unha perspectiva de xénero.
O campamento celebrou este venres a entrega de diplomas, na que participaron Arno Formella, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática; Alma Gómez, codirectora da Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, e Ariana Carro, representante da empresa Aldaba. A actividade, lembrouse, estivo organizada pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business, iniciativa das universidades de Vigo e A Coruña e da empresa Aldaba, contando ademais co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo.
O obxectivo desta acción é cada ano contribuír a “espertar vocacións tecnolóxicas en mozas e mozos en idades temperás, darlles a coñecer o mundo TIC e axudarlles a desenvolver habilidades técnicas dun xeito divertido”. Ademais, o campamento quere axudar a aumentar a porcentaxe de alumnado feminino en estudos relacionados coas TIC, sendo un dos principais retos da cátedra organizadora contribuír á igualdade de xénero nas titulacións tecnolóxicas.
Nesta edición participaron nenas e nenos nacidos entre os anos 2013 e 2019 e tivo como eixe temático e título Salvar a Terra. As e os participantes aprenderon, dun xeito ameno, sobre cuestións como o adestramento con drons, intelixencia artificial, 3D, domótica e programación de robots, tomando como fío condutor “unha misión para protexer o medio ambiente e conseguir salvar o planeta Terra”.
