A competición celebrouse este martes na piscina do campus de Ourense
O Campionato Galego Universitario de Natación contou coa participación de arredor de 70 deportistas
A gañadora foi a Universidade de Santiago de Compostela, seguida pola de Vigo e A Coruña
Este martes arrancaron no campus de Ourense as probas da 27ª edición dos Campionatos Galegos Universitarios que esta semana se celebran en diferentes instalacións das tres universidades galegas e en Vilagarcía de Arousa, contando co patrocinio da Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Concretamente, a piscina universitaria ourensá acolleu a celebración do Campionato Galego Universitario de Natación, no que participaron arredor de 70 deportistas federados das tres universidades galegas. No cómputo xeral, a Universidade de Santiago de Compostela proclamouse gañadora da cita, con 207 puntos, seguida pola Universidade de Vigo, con 201 puntos, e pola Universidade da Coruña, con 148 puntos.
A cita estivo organizada pola Área de Benestar, Saúde e Deportes da Universidade de Vigo coa colaboración de Be One Ourense e seu obxectivo foi, alén da competición propiamente dita, recoñecer e pór en valor o esforzo do alumnado universitario que compaxina estudos e deporte de competición. Desde a súa organización destacaron o bo ambiente do campionato, que supón tamén para as delegacións das tres universidades asistentes compartir un día de convivencia. A participación nesta actividade permite ás e aos deportistas continuar adestrando cara próximas citas deportivas e ábrelles a porta para poder competir nos Campionatos de España de Natación Universitaria.
Entrega de premios
As probas comezaron a partir das 11.00 h na piscina universitaria do campus de Ourense, Be One As Lagoas, e o programa estivo composto polas distancias de 50 e 100 metros bolboreta, costas, braza e libre; 200 m libre; 100 estilos e as remudas mixtas de estilos e libre. A delegación da Universidade de Vigo, a máis numerosa con 27 deportistas, contou coa participación de deportistas como Mateo García, internacional con España en Augas Abertas, medallista nacional e plusmarquista galego; Eva Feijóo, velocista ourensá do grupo de adestramento no Centro de Tecnificación de Pontevedra; Sofía Carballo, plusmarquista galega en piscina olímpica en braza; e Naiara Eijo, Carla Faro e Antón Ares, con marcas mínimas para participar nos campionatos de España. Entre as e os representantes da Universidade de Santiago de Compostela estiveron nomes como Manuel Pérez, medallista nacional, e deportistas fixos nas citas nacionais como Odei Arias, Carmen Blanco e Alexia Camba. No que respecta á Universidade da Coruña hai que citar a participación de nadadores como Mario Maneiros e Javier Pontón e nadadoras como Julia Rodríguez.
O evento rematou cunha entrega de trofeos en 21 categorías, ademais das xerais, na que participaron Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense; Manuel Pardo, delegado territorial en Ourense da Xunta de Galicia; Aníbal Pereira, tenente alcalde e concelleiro de Deportes; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, e Xabier Rial, director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte da UVigo. Na súa intervención, o vicerreitor destacou a importancia do deporte e dos seus valores na formación do alumnado universitario e felicitou aos rapaces e rapazas participantes neste campionato polo esforzo que realizan no seu día a día de compaxinar a vida académica e deportiva e dar en cada competición o mellor de si mesmos.
Nesta 27ª edición dos Campionatos Galegos Universitarios, na que participan arredor de 600 deportistas das tres universidades galegas, a Universidade de Vigo tamén será a encargada de organizar o xoves o campionato de vela nas instalacións do Centro Galego de Vela, en Vilagarcía de Arousa.