Nos meses de maio e xuño
O campus acollerá exames de acreditación CartAcles de inglés e HSK de chinés
Ademais da oferta formativa de cursos de diversos idiomas, o Centro de Linguas ofrece tamén a posibilidade de acreditar os coñecementos de varias linguas a través de exames oficiais.
No caso do inglés, este mes o campus acollerá os exames CertAcles . As probas orais para os niveis B1, B2 e C1 terán lugar entre o 18 e o 28 de maio. O día 14 de maio enviarase por correo electrónico o día e hora correspondente ao exame oral de cada nivel. Mentres, a proba escrita para acreditar o nivel B1 será o 21 de maio ás 16.00 horas; a do B2 o 20 de maio ás 16.00 horas e a do C1 o 19 do mesmo mes tamén ás 16.00 horas.
Exame de chinés
Por outra banda, tamén se poderán realizar o exame HSK de chinés. Este terá lugar o 12 de xuño na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, grazas ao acordo polo cal a UVigo é aula Confucio do Instituto Confucio de León.
O exame de HSK (Hànyǔ Shuǐpíng Kǎoshì, 汉语水平考试) é un exame internacional estandarizado de competencia da lingua chinesa. Céntrase principalmente na avaliación da capacidade comunicativa en mandarín en ámbitos como o laboral, o educativo ou o social, de candidatos cuxa primeira lingua non é o chinés. O HSK componse de dúas probas independentes para avaliar as destrezas tanto faladas como escritas. Así, o HSK é unha proba escrita mentres o HSKK é o exame oral.
O prazo de inscrición para o exame está aberto ata o 13 de maio e as probas son administradas por Hanban, unha axencia do Ministerio de Educación da República Popular China.