DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O IV Salón do Deporte e Turismo Activo celebrouse esta fin de semana en Expourense

O campus amosou en Sportur a súa oferta formativa e de ocio no eido do deporte

A conferencia inaugural correu a cargo do profesor da UVigo Patricio Sánchez

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 22/11/2021

Esta fin de semana o recinto de Expourense acolleu a celebración de Sportur Galicia 2021, o IV Salón do Deporte e Turismo Activo. Un ano máis, o campus de Ourense volveu participar nesta cita para amosar nela a súa oferta formativa e de ocio no eido do benestar, a saúde, o deporte e o turismo activo.

Sportur Galicia 2021 estivo organizado por Expourense co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación de Ourense e coa colaboración do Concello de Ourense. Nesta edición, a feira estivo centrada no papel que xoga o deporte como motivación turística e promocionou Galicia como un destino para a práctica do turismo activo e de actividades vencelladas coa natureza. A organización calcula que foron 3500 as visitas recibidas nesta cuarta edición de Sportur, que como en anos anteriores estivo aberta a todos os públicos, desde deportistas a familias, co obxectivo de que puidesen coñecer os servizos, produtos e opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores.

Mestrados, servizos e instalacións

A conferencia inaugural da cita correu a cargo de Patricio Sánchez, coordinador do Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, que falou de “turismo+deporte” como “un binomio de éxito” que conta cunha dilatada traxectoria que naceu en Grecia coa celebración das primeiras Olimpíadas.

 Ademais, entre a trintena de expositores que participaron en Sportur Galicia 2021 estivo a Universidade de Vigo, cun posto no que se ofreceu información sobre as titulacións relacionadas coa temática da feira, concretamente o Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde e o Mestrado en Xestión Empresarial do Deporte, que no ránking de SportBusiness, entidade de referencia para a industria do deporte, ocupa o posto 13 entre os estudos de posgrao máis valorados no sei eido no mundo. Igualmente, as persoas interesadas puideron coñecer os servizos e instalacións que ten abertos á cidadanía a Área de Benestar, Saúde de Deporte do campus de Ourense. Entre eles, destacáronse actividades como as rutas culturais, de inscrición aberta á cidadanía e que percorren cada curso académico diferentes puntos da xeografía galega e da contorna. “Na Universidade consideramos as actividades relacionadas co deporte, a saúde e o benestar un complemento esencial para a calidade de vida dos membros das comunidade universitaria e da cidadanía en xeral e participamos en Sportur para que a xente coñeza o que ofrecemos nese eido”, comentou Ana María Torrado, directora da Área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do campus de Ourense.