Composto por seis cursos que se prolongarán ata setembro
O Campus Auga desenvolve un programa de formación continua en novas tecnoloxías e metodoloxías para profesorado
Financiados ao abeiro do convenio existen coa Xunta de Galicia
O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, está a desenvolver un programa de formación continua do profesorado en temáticas de novas tecnoloxías e metodoloxías de ensino e aprendizaxe. A iniciativa lévase a cabo no marco do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga de Ourense no período 2024-2027.
O programa está composto por seis cursos presenciais, de balde, ofertados a través do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo, destinados ao profesorado desta institución académica e que se desenvolven en diferentes centros do campus de Ourense. A programación arrancou a finais do mes de xuño cun curso de métodos e recursos para a aplicación da intelixencia artificial á docencia e investigación, impartido polo profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática Pedro Cuesta.
Actualmente desenvólvese, desde o pasado día 9 e ata o 16 de xullo, un curso de creación audiovisual para docencia e divulgación, coordinado por Mónica Valderrama, profesora da Facultade de Comunicación da UVigo e vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, e con docencia de Luis Pena, de UVigoTV. Nesta formación afóndase nos coñecementos e técnicas necesarias para a produción de vídeo e son dixital, a través do emprego de ferramentas libres, de emprego sinxelo e multiplataforma xunto a recursos de publicación web e streaming/videoconferecia.
Máis oferta para xullo e setembro
O 15, 16 e 17 de xullo o programa continuará coa proposta Vibe coding con sentidiño: emprego de ferramentas de IA xerativa no desenvolvemento de software, cos docentes da Escola Superior de Enxeñaría Informática Hugo López e Daniel González Peña. Este curso ten como obxectivo “capacitar ao profesorado universitario no uso da programación asistida por IA, entendida como unha colaboración intelixente entre a persoa programadora e o modelo, mantendo sempre o control, o razoamento e a comprensión do código”.
Completando a programación deste curso académico 2024/2025, O dereito á protección de datos persoais no ámbito universitario é o título do cuarto dos cursos ofertados. Terá lugar os días 22 e 23 de xullo, contando coa coordinación de Susana Álvarez (Facultade de Dereito) e docencia tamén de Ana Garriga e Miguel Michinel, do mesmo centro, e de Mónica Arenas (Universidad de Alcalá).
Xa en setembro dúas serán as formacións que se impartirán. A primeira, os días 15, 16, 23, 29 e 30 de setembro, céntrase no Excel avanzado para a docencia, sendo impartida por Guillermo Rey, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Por último, o 25 e 26 de setembro terá lugar un curso sobre dereitos de autor na docencia e na investigación, coordinado por Ana Martínez (Biblioteca UVigo) e tendo tamén como docentes do mesmo servizo a Ana Dios e Teresita Aboal.
