DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes rematou a tramitación interna da documentación para facelo

O Campus da Auga, listo para optar á súa acreditación como campus de especialización

A previsión é poder presentar a proposta á Xunta de Galicia en febreiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 18/01/2022

O Campus Auga xa está listo para presentarse á súa acreditación como campus de especialización por parte da Xunta de Galicia. Co visto bo do seu comité de dirección, o proxecto do campus de Ourense rematou este martes a tramitación interna da documentación que presentará para acadar este selo de especialización e calidade.

A aprobación da documentación tivo lugar na celebración dunha sesión semipresencial do comité de dirección do Campus da Auga, órgano de gobernanza formado por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, como presidente; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, como vicepresidenta, e Roberto Ignacio Fernández, director do Campus da Auga, como secretario. Como vogais están as e os responsables das sete facultades e escolas do campus de Ourense, do Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus da Auga (Citaca),  do Programa de Doutoramento de Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento e do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación en Ourense (CITI).

Un traballo intenso

Durante a súa intervención, Manuel Reigosa salientou como “acadar esta especialización é unha cuestión importante pola que imos loitar. Obviamente é un proceso complexo e duro pero eu creo que se fixeron moi ben os deberes”. O reitor, que indicou que a previsión é que en febreiro estea presentada a documentación, quixo trasladar o seu agradecemento polo traballo realizado a “todas as persoas que o fixeron posible”. Houbo, dixo, “un traballo moi intenso, con distintas modificacións que foron afinando o proxecto ata facer, ao meu xuízo, un proxecto moi atractivo”.

O responsable institucional subliñou que conseguir esta acreditación ten dous compoñentes moi importantes para o campus de Ourense. Por unha banda, apuntou, sería “un sinal de que se fixeron ben as cousas e da calidade que atesoura o noso campus de especialización, o Campus Auga”. Por outra banda, engadiu, están tanto as axudas económicas que supón acadar esta acreditación como a súa repercusión no mapa de titulacións. Así, o reitor lembrou como “está acordado entre os tres equipos reitorais e a Consellaría que se teña en conta tamén a especialización dos campus á hora de atraer novas titulacións tanto de grao como de mestrado”. Obter a acreditación do Campus Auga, indicou Manuel Reigosa, suporía desenvolver no campus de Ourense “unha serie de accións que farían del un campus aínda de máis calidade” e dotado cun selo de calidade único.

Culminación do proceso

A reunión do comité de dirección do Campus Auga culmina o proceso de toma de decisións a nivel interno da Uvigo no que atinxe á aprobación da documentación final que se presentará para solicitar ante a Xunta de Galicia a acreditación do Campus Auga como campus de especialización dentro do Sistema Universitario de Galicia. A documentación consta fundamentalmente de dous informes de alcance e de autoavaliación dos tres últimos anos de desenvolvemento do Campus Auga e un plan operativo a catro anos vista que se poría en marcha unha vez aprobada dita acreditación.

Tal e como se lembrou na reunión celebrada este martes, primeiro foi o comité executivo do Campus Auga o que validou a documentación para presentar á acreditación en varias reunións de traballo celebradas no ano 2021. A semana pasada validárona os comités consultivos externos do proxecto, concretamente o Comité Consultivo Social-Empresarial do Campus Auga (no que participan representantes de administracións públicas, empresas, asociacións e outros organismos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal relacionadas coas liñas de especialización desta iniciativa) e  o Comité Consultivo de Persoas Expertas do Campus Auga (formado por profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos científicos das temáticas da auga). Finalmente, este martes, como referendo das decisións adoptadas polos órganos anteriores, tocoulle a quenda ao comité de dirección, o máximo órgano de goberno na estrutura organizativa do Campus Auga, culminando así un proceso no que a proposta da UVigo se foi enriquecendo coas achegas das diferentes persoas e entidades implicadas.