DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Premiando un dos traballos realizados no seu espazo Venture Lab

O Campus Auga pon en valor a iniciativa emprendedora do alumnado

A proposta gañadora foi Sempre na Casa, de estudantado de Enxeñaría Informática e Turismo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Emprender
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Ourense 03/02/2026

A segunda edición do espazo de emprendemento Venture Lab Campus Auga acaba de pecharse cunha xornada na que alumnado que participou ao longo destes meses na súa programación presentou as súas ideas de emprendemento. O traballo gañador foi Sempre na Casa, centrado en pór en contacto persoas maiores e estudantado. 

Este Venture Lab forma parte da programación do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e está coordinado polo profesorado da Escola Superior de Enxeñaría Informática Javier Rodeiro e María Montserrat Cruz. A iniciativa, sinalan desde a súa organización, “ten por finalidade ser nun espazo de formación e de encontro entre o alumnado con ideas de emprendemento, o profesorado que o asesore e as empresas do ecosistema innovador, buscando sinerxías e fomentando a relación entre eles”. Nacido o pasado curso académico, o Venture Lab Campus Auga desenvólvese a través da organización de diferentes xornadas de formación e eventos e a elaboración de manuais  de aprendizaxe. 

Como peche á programación desenvolvida no que vai de curso académico, vén de celebrarse na Escola Superior de Enxeñaría Informática a xornada de peche. Nela, alumnado que participou nas actividades de Venture Lab presentou traballos sobre ideas de emprendementos. “Vivimos nun momento socio-económico no que saber comunicar ben, exercer un liderado activo e desenvolver unha actitude emprendedora é tan importante como os coñecementos técnicos”, comenta desde a organización da actividade. O liderado, engaden, “non é só dirixir, é iniciativa, compromiso e capacidade para influír de forma positiva nos demais”. Por outra banda, engaden, “o emprendemento fomenta a creatividade, a autonomía e a valentía para converter ideas en oportunidades reais”. Neste marco de traballo, con esta xornada de peche buscouse suscitar a reflexións sobre estas actitudes e comportamentos e sobre como o mundo académico e profesional se relacionan a través da comunicación, o liderado e o emprendemento.

Dúas propostas

O proxecto gañador elixido na xornada foi Sempre na Casa, de Paula Pato (Grao de Enxeñaría Informática), Natalia Outomuro (Turismo), Sara Somozo (Turismo), Gabriel Maciás (Enxeñaría Informática) e Pablo Tavarés (Enxeñaría Informática). “Este proxecto trata de pór en contacto persoas maiores e estudantes, nun caso para evitar a soidade e noutro para encontrar unha forma de poder facer os estudos cun custe menor de aloxamento, así como desenvolver actitudes de acompañamento”, comenta o equipo gañador. Tamén se presentou o traballo Taranis, de David Rodríguez (Turismo), Iago Carvajal (Turismo), Hind El Haouate (Enxeñaría Informática) e María Sánchez (Tecnoloxía dos Alimentos), e centrado  “nunha bebida enerxética saudable, feita con auga termal e teobromina”. 

Na xornada presentáronse os dous proxectos emprendedores, que foron catalogados polo tribunal “como de gran desenvolvemento e innovación”. O tribunal que os avaliou estivo formado por Javier Rodeiro (UVigo) e Pablo Sanmartin (de Digital Gou), José María Torre (El Club del Emprendimiento) e David Martínez (presidente da Confederación Empresarial de Ourense), ofrecendo os tres últimos cadansúa conferencia ao alumnado presente.