DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns celebrou o seu último comité de dirección de 2020

O Campus Auga remata o ano coas expectativas postas no seu proceso de acreditación

Os seus responsables agardan pechar a documentación de solicitude en xaneiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 14/12/2020

Este luns o campus de Ourense acolleu a celebración, de xeito tanto presencial como virtual, do último comité de dirección de 2020 do Campus Auga. Nel, o protagonismo foi para o traballo que se está facendo desde a institución académica para poder solicitar a acreditación por parte da Xunta de Galicia deste campus de especialización. Os seus responsables agardan pechar a documentación de solicitude en xaneiro, unha vez que o comité científico externo do Campus Auga dea o seu visto bo á documentación que se presentará e que este luns foi aprobada polo comité de dirección.  

“Deberes feitos”

O comité de dirección do Campus Auga está formado por Manuel Reigosa, reitor da UVigo; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; as e os decanos e directores dos centros do campus; o coordinador do programa de doutoramento do Campus Auga; a coordinadora da agrupación estratéxica Citaca e o director de Infraestruturas do campus. Participando na sesión de xeito presencial desde o Edificio de Ferro, Manuel Reigosa quixo no seu informe “agradecer a toda a xente o traballo que están realizando” na preparación desta acreditación e salientou como coa aprobación este luns da documentación de solicitude por parte do comité de dirección “desde aquí xa se fixo o que se tiña que facer, o que está na nosa man xa está feito, todas as memorias e informes están moi completos”. Unha vez se teña a valoración do comité científico externo desta documentación, indicou, “presentaremos en breve a solicitude” á Xunta de Galicia para a acreditación do Campus Auga.

Aínda que cos “deberes feitos”, o reitor salientou como “debemos estar preparados" para un proceso de acreditación que pode ser “duro” tendo en conta como se está a desenvolver no primeiro campus que o solicitou. “Hai que contar con algunha dificultade. Coma sempre haberá atrancos pero creo que podemos estar satisfeitos co labor desenvolvido”, dixo Manuel Reigosa. Así, o reitor díxolle aos membros do comité de dirección presentes que “aínda que descoñecendo como vai a ser finalmente a avaliación, eu creo que o produto do voso traballo é moi bo” e indicou como ao longo do tempo a Universidade de Vigo foise adaptando ás indicacións da Xunta de Galicia respecto ao modelo de campus de especialización que se persegue ter.  

Do mesmo xeito, Enrique Barreiro, director do Campus Auga, agradeceu o traballo realizado na preparación deste proceso. Durante a súa intervención indicou como se agarda constituír o comité científico externo ou comité de persoas expertas do Campus Auga no mes de xaneiro, que será o encargado de facer unha última valoración da documentación. Unha vez modificada a documentación coas súas achegas, Barreiro explicou como a solicitude será enviada á Xunta para iniciar o proceso de acreditación. “Con isto rematamos de facer a mochila para percorrer o camiño”, afirmou. Alén dos criterios que empregue a administración autonómica para a acreditación, o director do Campus Auga amosou a súa confianza en que este campus “supere con éxito todo o proceso”. Neste senso fixo fincapé en como “todo o que fixemos é coherente co plan estratéxico do Campus Auga que aprobou a Xunta de Galicia en 2013. Se fomos coherentes con ese plan estratéxico pois non debería haber un problema de base porque o enfoque, un enfoque que trata de abarcar todo o que no campus pode participar ou colaborar nesta especialización, xa foi aprobado pola Xunta”.

Remate da actividade de 2020

Sobre o ano que remata, Enrique Barreiro apuntou como a pandemia da covid-19 marcou o desenvolvemento da actividade do Campus Auga este ano, ao igual que o fixo coa demais actividade da institución académica. Así, lembrou como se tivo que cancelar, entre outras accións, a celebración do Congreso Internacional da Auga, organizado no marco deste proxecto de especialización e que estaba previsto para outubro deste ano. “Foi unha pena cancelar as actividades, porque tiñamos orzamento para elas, pero as circunstancias obrigaron”, apuntou.  

En todo caso, e ademais de centrarse no proceso de acreditación durante estes meses, o director do Campus Auga destacou a posta en marcha de diversas accións. Entre elas indicou como esta semana, os días 16 e 17 de decembro, se celebrarán on-line as Xornadas Técnicas sobre Financiamento Europeo 2021-2027. Trátase dunha iniciativa promovida polo Campus Auga e coordinada pola Oficina de Proxectos Internacionais da Universidade de Vigo na que as e os investigadores interesados poderán coñecer as características deste financiamento e dos seus programas e tamén como mellorar as propostas que poidan presentar a eles.

Igualmente, e entre outras cuestións, Enrique Barreiro lembrou como se lanzou a convocatoria dos III Premios de Investigación, Transferencia e Divulgación Científica do Campus da Auga 2020. Estes galardóns, financiados por Viaqua, pretenden estimular a promoción do Campus Auga distinguindo accións destacadas no ámbito da investigación, a transferencia e a divulgación que contribuían a situar e consolidar este campus como un referente internacional en temáticas relacionadas coa auga. O prazo de presentación de solicitudes está previsto que remate o 11 de xaneiro de 2021.