DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes reuníronse os seus comités consultivos externos

O Campus Auga ultima a documentación para acreditarse como campus de especialización

O reitor confía en que se poida presentar á Xunta de Galicia en febreiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 11/01/2022

O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos, continúa dando pasos para a súa acreditación por parte da Xunta de Galicia. Co obxectivo de ultimar a documentación para solicitar esta acreditación, este martes reuníronse os seus dous comités consultivos externos, o de persoas expertas e o social-empresarial.

As reunións, que tiveron un carácter semipresencial, desenvolvéronse desde o edificio do Campus Auga en Ourense coa presenza de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga. “Estamos xa na recta final deste proceso. Está toda a documentación practicamente rematada e hoxe reunimos os comités externos do Campus Auga para que fagan as súas anotacións. Está previsto que en breve presentemos toda a documentación ante a Xunta de Galicia para a súa avaliación e para acadar a acreditación do Campus Auga”, comentou o reitor.

Manuel Reigosa quixo agradecer aos membro dos dous comités a súa participación no desenvolvemento do Campus Auga salientando como “para nós é moi importante as súas achegas, porque nos dan unha visión desde fóra, que non está contaminada polo noso punto de vista, e a verdade é que están sendo moi proactivos, achegando puntos de vista moi interesantes que xa están recollidos na documentación para a acreditación”. Apuntando como aínda quedan algúns pasos que dar para rematar este proceso, o reitor amosou o seu desexo de que “o mes que vén teñamos todo preparado” e poder presentar toda a documentación do Campus Auga á Xunta de Galicia para a súa avaliación e acreditación. “Estamos con moitas ganas xa de dar este paso”, afirmou o responsable académico.

Dous comités de asesoramento

A sesión deste martes arrancou coa reunión do Comité Consultivo Social-Empresarial do Campus Auga, no que participan representantes de administracións públicas, empresas, asociacións e outros organismos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal relacionadas coas liñas de especialización desta iniciativa. Concretamente forman parte deste órgano representantes de Auga de Galicia (Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia); Augas de Galicia (Xunta de Galicia); AquaValor (Centro de Valorização e Transferência de Tecnologia da Água); Asociación de Balnearios de Galicia; Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga); Concello de Ourense; Confederación Empresarial de Ourense; Confederación Hidrográfica Miño-Sil; Deputación Provincial de Ourense e Eurocidade Chaves-Verín. O seu obxectivo é conectar o Campus Auga co tecido económico e social da súa contorna e as súas funcións propor accións de mellora, iniciativas, proxectos e convenios de colaboración con empresas e institucións e fomentar a colaboración universidade-empresa-administración.

Posteriormente reuniuse o Comité Consultivo de Persoas Expertas do Campus Auga, formado por profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos científicos das temáticas da auga. Está composto por Teresa M. Navarro (doutora en Dereito pola Universidad de Murcia, profesora de Dereito Administrativo e secretaria do Instituto del Agua y Medio Ambiente da Universidad de Murcia); María del Mar Marín (profesora titular da Universidad Politécnica de Valencia); Mira Petrovic (Instituto Catalán de Investigación del Auga-ICRA); Sergio M. Vicente-Serrano (Instituto Pirenaico de Ecología-CSIC); Lillian Bouçada de Barros (Centro de Investigaçao de Montanha, Instituto Politécnico de Bragança); Ricardo M. Trigo (Instituto Dom Luis, Facultade de Ciências da Universidade de Lisboa), e Francesco Sindico (University of Stathclyde-Centre for Environmental Law e University of Strathclyde-Law School in Glasgow, Escocia). As funcións deste órgano son asesorar á dirección e ao comité de dirección do Campus Auga sobre a evolución e seguimento do centro nos ámbitos da investigación, a transferencia e a docencia, así como en todos aqueles aspectos que se consideren oportunos. Tamén ten como misións avaliar periodicamente a actividade científica dos grupos de investigación adscritos a este proxecto e elaborar un informe de valoración; facilitar sinerxías e colaboracións a todos os niveis con outros centros de investigación relacionados; axudar a potenciar a súa proxección internacional e asesorar sobre a incorporación de novos investigadores e investigadoras ou grupos de investigación a el.

Estes dous comités asesores externos actúan como garantes do correcto cumprimento dos obxectivos e accións propostas no desenvolvemento da estratexia do Campus Auga e asesoran ao Comité de Dirección deste proxecto de especialización.