DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa posta en funcionamento do embarcadoiro instalado tras Ciencias da Educación e do Deporte

O campus conta xa coa súa propia porta ao Lérez

A esta actuación sumouse a instalación dun pañol para gardar embarcacións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
DUVI Pontevedra 30/10/2020

Co obxectivo en primeiro termo de dar servizo ás materias relacionadas con deportes náuticos que se imparten na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, pero co propósito tamén de que se converta nunha instalación para o conxunto da cidadanía, a Vicerreitoría do campus acometeu a comezos de ano as obras de instalación dun embarcadoiro na marxe norte do río Lérez. Mais esta actuación completouse poucos días antes de que se decretase o estado de alarma o que, sumado á suspensión da actividade docente presencial, impediu que o embarcadoiro se puxese en funcionamento ata comezos do presente curso. Foi tamén nestas semanas cando a este equipamento se lle sumou a instalación, a carón de Ciencias da Educación e do Deporte, dun pañol para gardar embarcacións.

“Dentro do noso vínculo co río e con toda a contorna da Xunqueira, queremos recuperar estes espazos para o campus e desde o campus, pero pensando tamén na cidadanía”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, tras unha visita a esta instalación. Actualmente, o uso do embarcadoiro está limitado “ás materias vinculadas co deporte e as actividades acuáticas” do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, engade o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela. Non obstante, co obxectivo de, “no futuro, poder dar un servizo tamén á cidadanía de Pontevedra”, trabállase actualmente na creación dos “protocolos de actuación” que fagan posible ampliar os usos desta instalación, a través de iniciativas como o impulso dunha escola de ocio e tempo libre no campus, “na que poderían facerse actividades náuticas”, engade Soto. 

Socorrismo e deportes náuticos

A obra, que comprendeu a limpeza do fondo do río nesa zona e a colocación dunhas “pequenas lousas de cimentación”, previas á instalación do embarcadoiro, levouse a cabo, como explica Cancela, co obxectivo de “dar un servizo á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e, en xeral, ao campus de Pontevedra”. De feito, está a ser utilizado xa para a materia sobre salvamento e socorrismo que incorporou no presente curso esta titulación, uso ao que se sumará posteriormente, explica Cancela, o da materia sobre deportes náuticos. 

Neste caso en concreto, a esta actuación viuse complementada pola instalación, nas últimas semanas, dun pañol como “segunda zona para almacenar determinadas embarcacións que se empregan para a materia de remo e piragüismo” e que se suma á xa existente a carón do Pavillón Universitario. A idea “é que esta segunda zona de almacenamento permítanos reducir o máximo o traslado de embarcacións cruzando viais por parte do alumnado”, sinala Cancela, que incide por outra banda en que estes dous equipamentos contribúen tamén a “potenciar a marxe dereita do río como un espazo de esparexemento da cidade e do campus”. Ademais, engade, o emprazamento do embarcadoiro fronte a praia fluvial, fai que esta instalación “poida tamén resultar de utilidade nalgún momento de producirse unha emerxencia”.