Aberta a inscrición nestes dous obradoiros, así como no coro e nos grupos de baile e música
O campus convida a iniciarse no teatro e no baile tradicional galego
Nunha programación que combina a formación coa creación de agrupacións
Co inicio dun novo curso, arranca novamente a programación cultural de carácter permanente da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, na que se insiren novas edicións dos obradoiros de teatro e baile tradicional galego, xunto coas convocatorias para entrar a formar parte do Coro Polifónico do campus e dos seus grupos de baile e música tradicional galega. Como explica o director da área adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres, con estas iniciativas búscase “dar continuidade a unha estrutura con dous niveis”, na que as aulas e obradoiros “de carácter formativo” conviven co impulso de agrupacións que traballarán ao longo do curso na preparación dun repertorio, co obxectivo de poder participar en diferentes actuacións.
Como bailar nun serán
Despois de que a Aula de Música Tradicional do Campus de Pontevedra cubrise novamente as súas 40 prazas a comezos de setembro, nestas semanas permanece aberta a inscrición para o primeiro cuadrimestre no obradoiro de baile tradicional galego Como bailar nun serán. Cun total de 40 prazas, trátase dunha actividade impartida pola mestra de pandeireta, canto e baile tradicional Montse Rivera, que contará novamente cun grupo de iniciación e outro de continuación. Segundo recolle a convocatoria, o obxectivo desta actividade é tanto achegar ás persoas participantes aos principais ritmos da tradición galega, co propósito de que poidan “participar de maneira activa e divertida nunha foliada”, como promover a práctica “dun exercicio físico aeróbico cunha certa esixencia”.
Coa colaboración do Concello de Pontevedra, este obradoiro desenvolverá a súa actividade ao longo do curso, permanecendo aberta nestas semanas a inscrición para o seu primeiro bloque, que abrangue do 2 de outubro ao 22 de xaneiro. Cun prezo de matrícula de 26 euros para as e os integrantes da comunidade universitaria, 32 para outros colectivos vinculados á UVigo e de 40 para a cidadanía xeral, este obradoiro conta con tres períodos de inscrición. O primeiro deles estaba reservado á comunidade universitaria, mentres que este martes 23 e o domingo 28 poderán inscribirse as persoas que realizaron esta actividade no segundo cuadrimestre do pasado curso. No caso de quedar vacantes, estas ofertaríanse ao conxunto da cidadanía o 30 de setembro e 1 de outubro.
As diferentes fases do proceso teatral
Ata o 6 de outubro permanece aberta así mesmo a inscrición na Aula de Teatro do Campus de Pontevedra, un obradoiro impartido polo actor e director Jesús Salvador del Río que ten como obxectivo achegar ás e aos participantes ás diferentes “fases dun proceso de creación teatral”, desde a “posta a punto corporal e vocal” e a lectura do texto teatral, ata abordar a “encarnación do personaxe” e a montaxe dunha obra. Un achegamento que, como recolle a convocatoria, realizarse “mediante exercicios prácticos que pretenden fomentar a capacidade de concentración, memoria, oratoria e expresión, creatividade, sentido do ritmo e musicalidade”.
Aberto ao conxunto da cidadanía, este taller de 40 horas desenvolverase entre outubro e decembro na Facultade de Belas Artes. A actividade conta cun total de 15 prazas e a inscrición poderá realizarse ata o 6 de outubro a través de Campus Activo, contando igualmente cuns prezos de matrícula que abranguen dos 26 aos 40 euros.
Coro e grupos de música e baile
Como explica Torres, estes obradoiros combínanse á súa vez con grupos “máis orientados á actuación”, que abranguen un proceso de selección e nos que a inscrición é gratuíta, por levar aparellado o compromiso de participar en diferentes eventos. Con esa idea naceu en 2023 o Grupo de Música Tradicional do Campus, que ata o 5 de outubro mantén aberta a súa inscrición para o presente curso. Aberto á participación tanto da comunidade universitaria como da cidadanía xeral, a formación estará dirixida pola gaiteira Marina Fernández Vigo e contará inicialmente con 10 integrantes. Así mesmo, ata o 3 de outubro será posible inscribirse tamén no Grupo de Baile Tradicional do Campus, que contará tamén con dez prazas. Dirixida por Montse Rivera, neste caso trátase dunha actividade aberta a integrantes da comunidade universitaria e persoas matriculadas no obradoiro Como bailar nun serán.
Cun total de 25 prazas e aberto a toda a cidadanía, ata o 5 de outubro permance aberto tamén o período de inscrición no coro do campus, que terá á fronte á licenciada en musicoloxía e titulada profesional en piano María Luisa Sánchez. Entre os obxectivos desta formación atópase “dar forma a un novo repertorio que se achegue tamén a novas tendencias musicais” e con ese propósito, as súas sesións semanais combinarán un bloque inicial centrado na linguaxe musical coa preparación dunha serie de pezas de diferentes épocas e estilos.
Nos tres casos, as persoas interesadas en formar parte destas agrupacións deberán remitir un correo a vic.pon@uvigo.gal cos seus datos persoais e un “currículo relacionado coa actividade”. Rematado o período de presentación de solicitudes,convocaráselles a unha proba de habilidades, co propósito de “garantir un nivel mínimo de calidade inicial”.
A estas tres agrupacións, apunta Torres, sumarase nos próximos meses a convocatoria para a posta en marcha, por segundo ano, do grupo de teatro do campus, co obxectivo de que poida preparar unha montaxe para unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu).
