Aberta á participación de estudantes de bacharelato de toda Galicia
Campus Crea impulsa a primeira olimpíada científica centrada na creatividade
Desenvolveranse en marzo ou abril de 2025
Dirixidas a dar coñecer os múltiples ámbitos de aplicación de diferentes titulacións e disciplinas científicas, existen olimpíadas científicas de química, bioloxía, xeoloxía ou informática, nas que compiten estudantes de diferentes niveis educativos. Non obstante, ata o de agora non existía ningunha iniciativa deste tipo que tivese como eixe central a creatividade, o que levou o proxecto de especialización Campus Crea a impulsar a I Olimpíada da Creatividade, aberta á participación de alumnado de bacharelato de toda Galicia, así como de ciclos formativos de artes plásticas e deseño. Ata o 20 de xaneiro permanece aberta a inscrición para participar nunha competición que se desenvolverá en marzo ou abril de 2025 e na que poderán competir un máximo de 20 equipos integrados por catro estudantes.
“Igual que son coñecidas as de física, química ou matemáticas, non hai ningunha olimpíada da creatividade”, sinala a directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto, dunha proposta que busca “potenciar a creatividade desde os ámbitos artístico, comunicativo e educativo, que engloban as principais titulacións do Campus Crea”. Nese senso, o obxectivo desta olimpíada “é dar a coñecer o campus de especialización á sociedade en xeral, pero sobre todo aos estudantes de bacharelato, que son os futuros universitarios e universitarias”, a través dunha iniciativa que permitirá que “coñezan o campus e poidan entrar en contacto con docentes e estudantes das titulacións nas que poidan estar máis interesados”.
Aberta a un máximo de 80 estudantes
A inscrición na I Olimpíada da Creatividade Campus Crea deberán realizala os propios centros de ensino, que poderán presentar un máximo de dous grupos, integrados por catro estudantes, remitindo o formulario de solicitude de participación ao correo electrónico xes.crea@uvigo.gal antes das 14.00 horas do 20 de xaneiro. Pechada a fase de inscrición, as prazas existentes “distribuiranse equitativamente entre os centros interesados e por orde de inscrición”, segundo recolle a convocatoria.
Unha xornada de competición con dúas fases
A olimpíada desenvolverase en marzo ou abril de 2025 na Facultade de Comunicación, nunha xornada na que un máximo de 20 equipos competirán na primeira fase destas olimpíadas. Nela, segundo recollen as bases da competición, os diferentes grupos “recibirán un par de obxectos comúns e, ao combinalos, deberán propor un obxecto cunha fisionomía, estrutura e función novas e orixinais, ao que deberán dar unha función creativa”, tendo dúas horas para dar forma á proposta que logo exporán diante dun tribunal. Este seleccionará os cinco equipos finalistas que competirán na segunda fase, na que “recibirán, de xeito aleatorio, a proposta levada a cabo por outro grupo e terán que darlle continuidade ao proceso creativo, escollendo un eido concreto; educación, deseño, arte ou comunicación”. Neste caso, disporán dunha hora para preparar a proposta que presentarán ao xurado. Como lembra Fernández Souto, “a creatividade busca dar resposta a problemas e buscar solucións” e para iso é preciso “pensar dunha forma diferente, fusionar diferentes aspectos que aparentemente non teñen unha conexión”. De aí que o propósito desta proba é incentivalos a “aplicar ese pensamento ás titulacións máis vinculadas co campus de especialización”.
O tribunal encargarase de decidir os tres equipos gañadores, que serán premiados con agasallos como auriculares, cámaras ou altofalantes.