DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘International Multidisciplinary Journal Crea’ abrangue as áreas do proxecto de especialización

O Campus Crea impulsa unha revista científica internacional de carácter multidisciplinar

De acceso aberto e inserida no portal do Servizo de Publicacións da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Internacional
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/11/2020

International Multidisciplinary Journal Crea (IMJC) é o nome da revista científica electrónica, de carácter internacional, impulsada polo Campus Crea. De acceso aberto e inserida no portal de revistas do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, esta publicación nace “coa finalidade de conectar diversas disciplinas científicas” e contribuír ao debate e divulgación “nun terreo aínda bastante inexplorado” como é o da interdisciplinariedade, sinalou o vicerreitor do campus, Jorge Soto. Co propósito así mesmo de representar ás diferentes áreas de coñecemento do campus, trátase dunha publicación estruturada en catro seccións, que busca “publicar investigacións de alta calidade” nos ámbitos de deportes, saúde e benestar; educación, innovación social e xestión pública; medio ambiente e natureza e arte, comunicación e sociedade, xunto con estudos realizados por grupos interdisciplinares.

O vicerreitor do campus, o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, e o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, editores principais da revista, participaron este mércores na sede da Vicerreitoría na presentación desta publicación, que contou tamén coas intervencións, a través de Campus Remoto, da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e do director do Servizo de Publicacións, Jorge Luis Bueno. “Coa revista deséxase fomentar a creatividade, buscando novas ideas e elementos de reflexión dentro dun terreo multidisciplinar”, salientou Soto, que sinalou que nun mundo, o da investigación, “que camiña fundamentalmente cara unha crecente especialización en cada unha das disciplinas, bótase de menos unha dimensión de posta en común dos diferentes ámbitos do coñecemento, que estamos seguros que vai enriquecer a análise da nosa realidade”.

A publicación ten a súa orixe, como engadiu Carlos Souto, no “carácter multdisciplinar, unido por ese pegamento que é a creatividade” que caracteriza ao campus pontevedrés. “Intentaremos que a revista vaia por ese camiño da creatividade e do carácter multidisciplinar, para que todos os ámbitos queden representandos”, engadiu Soto. Esa idea de “reflexar o campus” no seu conxunto, sinalou Cancela, está presente así mesmo na estrutura dos seus consellos editorial e científico, “vinculados a cada unha das catro áreas” dunha publicación que é resultado dun proceso de traballo “con carácter inclusivo, que busca implicar a moita xente”.

Crecer desde a calidade

“Quen vai dar valor a esta revista son os propios investigadores e investigadoras”, engadiu Cancela, que sinalou que, partindo dunha “base científica, que é a que nos axuda a crear coñecemento”, a publicación buscará ir crecendo progresivamente “grazas á participación de investigadores do ámbito internacional”. Cun sistema de revisión por pares e co obxectivo de teña unha periodicidade semestral, a revista nace tamén coa idea de cumprir cos criterios requiridos nos índices de calidade “para ir progresando co obxectivo de chegar” a ser unha publicación indexada no Journal Citation Reports (JCR). Este foi tamén un dos aspectos salientados por Belén Rubio, que expresou o seu desexo de que IMJC “teña un gran impacto e permita que se coñeza á Universidade de Vigo e, en particular, ao Campus Crea con todas as súas vertentes, desde un punto de vista rigoroso”. 

Integrada no portal que reúne ás revistas de formato electrónico editadas pola Universidade co sistema Open Journal System, a revista, da que xa está dispoñible o primeiro número, insírese na aposta polo acceso aberto da institución académica, lembrou Rubio. De feito, como explicou Bueno, este “proxecto necesario” converteuse na “primeira revista de nova creación” en entrar a formar parte deste portal, no que están presentes outras seis publicacións “que xa existían previamente e que deron o salto do papel ao acceso aberto” e dúas “que deixaran de publicarse e recuperamos”. 

Primeiro número

A presentación viuse complementada pola publicación na rede do primeiro número da revista, que abre un artigo sobre o programa internacional Green Campus da súa responsable en España, Ana Pérez, Montero, da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Con ese propósito de representar os diferentes ámbitos do Campus Crea, este primeiro número reúne tamén un artigo do investigador da Universidade de Santiago de Compostela José Manuel Touriñán sobre a teoría da educación e a intervención pedagóxica e un estudo sobre accións de xestión integrada fronte aos lumes de Javier Madrigal, do Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA. Completan este número un estudo sobre os efectos da intervención musical na recuperación de ciclistas, asinado por investigadores das universidades taiwanesas de Taipei e Fo Guang e do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, e unha análise da deriva poética no relato audiovisual de Ana González Wonham, da Universidad Complutense de Madrid.