DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica

O Campus Crea premiará os mellores traballos de fin de grao e máster

Valorarase a orientación dos proxectos a temáticas relacionadas con Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Premios
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 23/09/2021

Recoñecer e dar unha maior difusión aos traballos de investigación realizados polo alumnado do campus pontevedrés. Ese é o obxectivo dos Premios TFG e TFM do Campus Crea, unha das actividades impulsadas ao abeiro do convenio de colaboración recentemente asinado entre a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da cultura, educación, deporte, medio ambiente e novas tecnoloxías. Impulsados pola Vicerreitoría e a Concellaría de Promoción Económica e Universidade, a primeira edición destes galardóns mantén aberto ata o 15 de outubro o prazo de presentación dos proxectos. Outorgarase oito primeiros premios e oito accésits aos mellores traballos de fin de grao e mestrado nos catro ámbitos de coñecemento do Campus Crea: arte, comunicación e creatividade; deporte, saúde e benestar; educación, innovación social e xestión pública; e medio ambiente e natureza. Segundo recolle a súa convocatoria, ademais da calidade e o carácter innovador dos proxectos, “valorarase positivamente a aplicación práctica e a orientación cara temas vinculados coa área da cidade de Pontevedra”. 

“A idea é premiar e darlle visibilidade aos traballos de fin de grao e máster de máis calidade”, salienta Carlos Souto, director do Campus Crea e Green Campus, que lembra que “o alumnado é o noso principal activo”. De aí a posta en marcha dunha iniciativa dirixida a “transmitir a investigación que se fai no campus de Pontevedra”, premiando cun total de 3000 euros oito traballos de fin grao (TFG) e oito traballos de fin de máster (TFG) das catro áreas de coñecemento recollidas na convocatoria. Máis aló da achega económica, as e os premiados terán tamén a posibilidade de publicar os seus traballos no International Multidisciplinary Journal CREA, a revista científica impulsada ao abeiro do proxecto de especialización do campus. “Este é tamén un premio interesante para eles, que lle dá unha patina de rigor científico aos seus traballos”, engade Souto dunha iniciativa que, nese senso, busca contribuír “a que aos estudantes que destacan poidan entrarlle as ganas de seguir neste mundo da investigación”. 

Ata o 15 de outubro

Segundo recolle a convocatoria, poderán concorrer a esta iniciativa aqueles TFG e TFM defendidos no curso 2020-2021 en calquera das titulacións do campus, sempre e que se trate de proxectos que obtiveran unha cualificación igual ou superior a 9 e que non fosen premiados noutras convocatorias. As investigacións deberán abordar temas relativos a algún dos catro ámbitos de coñecemento do Campus Crea valorarase “de xeito fundamental, o rigor científico, a metodoloxía de análise efectuada e os resultados obtidos, así como o carácter innovador dos traballos”, ao que se sumaría tamén como un factor positivo a súa posible aplicación práctica ou vinculación coa cidade.

En cada ámbito de coñecemento outorgarase un premio ao mellor TFM dotado con 300 euros e outro ao mellor TFG, con 200, aos que se sumarían oito accésits en cada unha das categorías, dotados con 200 euros no caso dos proxectos de fin de mestrado e de 100 nos de grao.

O alumnado interesado dispón de prazo ata o 15 de outubro para presentar os seus traballos a través do enderezo electrónico vic.pon@uvigo.es, debendo achegar unha copia do TFG ou TFM, unha memoria do traballo de non máis de cinco páxinas e un informe do docente que o dirixiu.