Conta cunha serie de ferramentas que permiten realizar diferentes axustes
O campus dótase dunha estación de reparación de bicicletas
Co obxectivo de seguir promovendo o uso da bicicleta como medio de transporte entre a comunidade universitaria, a Vicerreitoría do campus instalou, no acceso á Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, unha estación de reparación, dotada dunha serie de ferramentas que permiten realizar diferentes axustes e arranxos nestes vehículos. “A idea é apoiar o uso da bicicleta como un medio de transporte sostible e non contaminante e, ao mesmo tempo, promover a práctica de actividade física”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto, dunha iniciativa que se insire á súa vez nos obxectivos do programa internacional Green Campus.
Como explica o vicerreitor, a instalación deste equipamento “que ata agora non podía atoparse en Pontevedra”, insírese nunha liña de actuación encamiñada a “seguir completando o mobiliario urbano do campus”, que se suma a outros equipamentos instalados recentemente, como o parque de calistenia emprazado a carón da Facultade de Fisioterapia.
Esta estación, segundo engade o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela, permite tanto axustar a presión das rodas como, a través dun xogo de ferramentas e dos brazos dos que dispón elevar a bicicleta, realizar diferentes reparacións, “desde axustar a cadea e o asento, ata montar ou desmontar rodas”.