A inscrición está abertas desde este luns e ata esgotamento de prazas
O campus oferta sete cursos de verán
Poden apuntarse membros da comunidade universitaria e cidadanía interesada
O campus de Ourense lanza a súa oferta de cursos de extensión universitaria, os coñecidos como cursos de verán. Desde este luns, as persoas interesadas, membros da comunidade universitaria e cidadanía en xeral, pode inscribirse a algunha das sete propostas incluídas na programación deste ano. As súas temáticas abranguen desde o cinema e o termalismo ata a intelixencia artificial e a pornificación da cultura.
A matrícula dos cursos, apoiados pola Deputación de Ourense e recoñecidos cun crédito ECTS por cada 25 horas de traballo, está aberta ata esgotamento de prazas e realízase a través do Campus Activo da Universidade de Vigo. Cinco das propostas desenvolveranse nos meses de xuño e xullo e dúas no de setembro. O prezo varía en función do colectivo de pertenza, habendo diferentes descontos segundo a vinculación coa institución académica.
Propostas que repiten pero renovadas
Varias das propostas contan cunha dilatada traxectoria e outras dan continuidade a edicións anteriores. A primeira delas é Desafíos e oportunidades para a conservación da biodiversidade, dirixida polas profesoras da Facultade de Ciencias María Fernández e María del Carmen Seijo. “Neste curso abordaranse importantes desafíos no espazo natural protexido Reserva de Biosfera Transfronteiriza Xurés-Gerês, como por exemplo a degradación de hábitats, a presenza de especies invasoras ou os efectos do cambio climático, que provocan a perda de prácticas tradicionais beneficiosas para a paisaxe”, sinalan desde a organización. A cita terá lugar do 10 ao 12 de xuño no Concello de Muíños.
A segunda proposta é o tradicional Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, organizado coa Fundación Carlos Casares do 6 ao 10 de xullo e dirixido desde a Facultade de Comunicación Paulino Pérez. Nesta ocasión leva por título Cinema galego. Diversidade creativa e seguindo a dinámica de anteriores anos nela equipos de diferentes producións galegas analizarán as súas creacións desde diferentes perspectivas. Ademais, alumnado da UVigo realizará un taller audiovisual.
Tamén repite de anos anteriores Ourense no tempo: historia, arte e tradicións, que celebra a súa terceira edición baixo a dirección do profesor da Facultade de Historia Xosé Ramón Campos. O curso, que terá lugar do 1 ao 4 de xullo, ten un carácter multidisciplinar e fará un percorrido por diferentes aspectos relacionados coa historia, a arte, a arqueoloxía e as tradicións da provincia de Ourense, desde a prehistoria ata a actualidade, analizando tanto feitos históricos como artísticos e etnográficos. Algunhas sesións realizaranse in situ, con percorridos pedestres guiados pola cidade de Ourense e por lugares históricos e arqueolóxicos dos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Bande, Muíños, Entrimo e Lobios.
Dando continuidade a unha proposta do pasado ano, neste 2026 terá lugar o curso Termalismo en ruta: das augas salutíferas de Galicia aos mananciais de Aquitania. Liderada por Elisa Alén e José Luis Legido, a programación mesturará conferencias, debates, coloquios, prácticas e visitas a balnearios e centros termais en Galicia e Francia, visitando neste último caso o Instituto de Termalismo de Dax. A actividade desenvolverase do 5 ao 11 de setembro.
Máis novidades
A programación deste 2026 inclúe un curso de Ferramentas e procesos de facilitación para a intervención ecosocial. Dirixido desde a Facultade de Educación e Traballo Social por Francisco Xabier Aguiar e Evelia Murcia, nel promoverase a aprendizaxe colectiva, a reflexión crítica e a experimentación práctica arredor da temática abordada. A actividade celebrarase do 2 ao 10 de xullo tanto no campus como no Ecolectivo en Vigo e na Aula Natureza do Miño.
Desde a mesma facultade tamén se oferta A pornificación da cultura: hipersexualización e mercantilización do corpo das mulleres, destinado a “promover unha comprensión crítica de como se constrúe, reproduce e lexitima a desigualdade de xénero, desde a inferiorización e a obxetivización das nenas e mulleres, para fomentar actitudes e comportamentos igualitarios que posibiliten a igualdade real”. Dirixida pola catedrática María Lameiras, a actividade celebrarase entre o 30 de xuño e o 30 de xullo.
Por último, levarase a cabo do 11 de setembro ao 16 de outubro Intelixencia artificial e innovación desde unha perspectiva socioeducativa. “Este curso nace coa finalidade de promover unha aprendizaxe significativa e comprometida, centrada en aprender, pensar, crear e transformar a realidade educativa e social desde unha mirada socioeducativa”, sinalan desde a organización. Proposto desde a Facultade de Educación e Traballo Social por Jesús Deibe Fernández Simo, desenvolverase do 11 de setembro ao 16 de outubro, maioritariamente no campus pero tamén cunha sesión en Lobios.
