Abranguen ámbitos como a convivencia no deporte, a xastrería ou o deseño de panos
O campus oferta sete obradoiros abertos a toda a cidadanía
Educación inclusiva, tenis e padel, modelaxe escultórica e risografía completan as temáticas
De iniciarse no tenis e no pádel, na modelaxe 3D para o deseño de panos ou na impresión con técnicas risográficas, a formarse en xastrería e modelaxe escultórica, pasando pola abordaxe da convivencia no deporte base e da metodoloxía docente de aprendizaxe-servizo. A diversidade temática define a programación de obradoiros de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus de Pontevedra para este segundo cuadrimestre, na que se insiren sete talleres de abertos a toda a cidadanía. Desde este luns permanece aberta a inscrición nuns cursos recoñecidos cun crédito ETCS por cada 25 horas de traballo, que se desenvolverán entre febreiro e maio en diferentes facultades do campus.
Con preto de 90 prazas no seu conxunto, estes obradoiros contan cun prezo de matrícula de 26,65 euros para a comunidade universitaria, de 32,80 para outros colectivos vinculados á UVigo e de 41 para o público xeral. O período de inscrición permanece aberto ata o vindeiro mércores 11 de febreiro.
Cinco novas propostas
Dos sete talleres que conforman esta programación, cinco ofértanse por primeira vez no campus. Ese é o caso de Técnicas gráficas de modelado 3D para o deseño de panos de seda, que arrancará o 20 de febreiro na Facultade de Deseño e que dá continuidade ao obradoiro de impresión téxtil dixital impartido o pasado curso. Dirixido polo profesor Román Corbato, abordará o proceso completo de creación dun pano de seda, abranguendo técnicas analóxicas e dixitais, así como o uso da simulación 3D no deseño téxtil, coa participación das artistas e deseñadoras Sandra Barreiro e Teresa Búa e do profesor Román Padín.
Tamén en febreiro está previsto o inicio, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, do obradoiro Formación docente para a inclusión: a aprendizaxe-servizo como metodoloxía transformadora, centrado nunha metodoloxía na que a aprendizaxe do alumnado se combina co servizo que prestan a unha comunidade ou colectivo. Dirixido pola profesora Aroa Otero, afondará no potencial do ApS como ferramenta para promover a inclusión educativa, combinando a abordaxe teórica dos seus fundamentos co deseño de proxectos inclusivos a través das redes sociais.
Por outra banda, Dirección e Xestión Pública acollerá a partir do 26 de febreiro Mellora da convivencia no deporte base, un obradoiro que busca achegar ferramentas de mediación, educación emocional e intervención psicopedagóxica adaptadas aos contextos deportivos. Impartido polo docente Ignacio Fernández e a profesora da USC Leticia López Castro, o taller porá tamén o foco na extensión dos conflitos que poidan darse no deporte ás contornas dixitais e na prevención do ciberacoso.
Outra das novidades é o taller de Modelaxe escultórica en arxila, que o profesor Eduardo Outeiro e a graduada en Belas Artes e técnica en escultura Teresa Pece impartirán nesta facultade a partir do 26 de marzo. Dirixido a introducir o alumnado nas técnicas básicas de escultura tridimensional, as e os participantes traballarán na realización dunha peza utilizando arxila, a partir de imaxes fotográficas ou dun modelo real.
Xa entre o 13 e o 16 abril, Deseño acollerá Tailoring e experimentación, un curso de introdución á xastrería impartido pola docente e deseñadora Miriam Cartagena e a xastre e patronista Victoria Marques. Combinando teoría e práctica, este obradoiro levará ás persoas participantes a realizar unha peza artesanal de xastrería desde o inicio, abordando tanto a creación dun patrón, como a súa modificación experimental, pasando polo corte e confección do tecido.
Novos cursos de deportes de raqueta e risografía
A estas cinco propostas súmanse dous obradoiros que repiten presenza na programación de Extensión Universitaria do campus. En marzo e abril, terá lugar a terceira edición de Iniciación aos deportes de raqueta e pa: tenis e pádel, un taller dirixido polo profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Iván Prieto, que permite coñecer tanto regulamento e os fundamentos técnico-tácticos destes deportes como os seus principais golpes. Para iso, combina sesións teóricas e prácticas, coa participación como docentes de Alfonso Gutiérrez, Xoana Reguera e dos adestradores Antonio José Silva e Luis Encinas.
Finalmente, entre o 25 e o 29 de maio Belas Artes será sede da segunda edición de Erro é ben, un taller de iniciación á risografía, dirixido a explorar as posibilidades dunha multicopiadora Riso SF9350 para a realización de publicacións de pequena tiraxe. Dirixido polo profesor Marcos Covelo, este taller permitirá afondar nas particularidades e posibilidades gráficas deste sistema de impresión, combinando a edición dixital e a maquetaxe analóxica.
