DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase das e dos beneficiarios das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior

O campus de Ourense suma oito estudantes de mestrado “excelentes” procedentes do estranxeiro

Este mércores celebrouse o seu acto de benvida

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Estudantes
DUVI Ourense 20/10/2021

Este mércores o campus de Ourense acolleu, tal e como aconteceu o pasado 6 de outubro no campus de Vigo, o acto de benvida ás e aos beneficiarios das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que impulsa a Xunta de Galicia. Ao seu abeiro, oito estudantes con curriculums “excelentes”, descendentes de emigrantes ou galegos residentes no estranxeiro, realizarán este curso académico un mestrado neste campus. Con elas e eles son un total de 81 as alumnas e alumnos que elixiron a Universidade de Vigo para continuar a súa formación cunha destas bolsas.

No acto de benvida, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, salientou que, despois do illamento provocado pola pandemia, “é un día de ledicia ver a chegada de alumnado do exterior”. Ás e aos estudantes presentes destacoulles que é “unha honra” que escolleran este campus para retornar a Galicia procedentes de “países para nós moi queridos, países que un día recibiron ás nosas familias”. A vicerreitora animou ás e aos beneficiarios das bolsas a aproveitar as instalacións, servizos e actividades que teñen á súa disposición no campus de Ourense, “un campus pequeno pero no que creo que ides estar moi a gusto, porque é moi agradable e está integrado na cidade”.

Pola súa banda, Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración da Xunta, explicou que “este programa o que nos permite é traer a galegos de alta cualificación que estaban residindo no exterior de regreso a Galicia”. Nalgúns casos, sinalou, son persoas que naceron aquí e que en determinado momento marcharon vivir a diferentes partes do mundo e noutros casos son descendentes de galegos e galegas que emigraron. O perfil de beneficiarias e beneficiarios, indicou, é o de persoas que “teñen de media 29 anos, todos titulados universitarios superiores e a inmensa maioría deles, por non dicir a totalidade, con experiencia profesional”. Polo tanto, recalcou, trátase de “persoal altamente cualificado, con experiencia profesional nos diferentes mercados do mundo”. Dada a súa demanda e resultados, o secretario xeral adiantou que “o programa vai a seguir medrando porque a sociedade galega enriquécese moitísimo”. Así, apuntou o responsable institucional, máis do 70% de persoas que fan o mestrado coas bolsas BEME continúan ao seu remate en Galicia, cifra que, dixo, aumenta con cada promoción destas bolsas.

Procedencias e destinos

Os países dos que proceden as e os beneficiarios son Estados Unidos, Arxentina, Venezuela, Uruguai, Cuba, República Dominicana e Alemaña e os seus países de nacemento Venezuela, Arxentina, Uruguai, Cuba e España. Os estudos que elixiron son: na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo os mestrados de Xestión Empresarial do Deporte e Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde; na Facultade de Ciencias, o de Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental e o de Nutrición; na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, o mestrado en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados e na Escola Superior de Enxeñaría Informática o de Enxeñaría Informática.

Entre as e os descendentes de galegos que participan nesta iniciativa está Adrián Cuestas, de orixe venezolana pero procedente de Estados Unidos, onde vivía. Satisfeito de ter acadado unha das bolsas, o estudante sinalou na benvida como “a miña familia é orixinaria de Vigo e entón sempre foi un soño para min estar aquí e poder devolver un pouco do tanto que deu esta terra á miña familia”. No seu caso, quixo xuntar a súa paixón, o deporte, e a súa formación, coa dobre titulación de Comercio Internacional e Administración de Empresas, e elixiu o mestrado de Xestión Empresarial do Deporte. Tras as primeiras clases, salientou as súas boas impresións da titulación, destacando como “ten un profesorado excelente” e a diversidade de orixes do alumnado que o está a realizar. Tamén de orixe venezolana está Francisco Javier García. El residiu de pequeno en Ferrol pero en 2012 marchou ao país suramericano e agora volveu para cursar o mestrado de Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados. “Busquei un mestrado habilitante para o desenvolvemento da profesión e escollín este tendo en conta que son titulado en Enxeñaría Mecánica”, sinalou. Igualmente destacou deste título a calidade da atención do profesorado, engadindo no seu caso as opcións que ofrece a formación virtual.

Iria Salgueiro pola súa banda pertence ao colectivo das bolsas BEME de españois que estaban residindo no estranxeiro. Despois de realizar a carreira de Publicidade e Relacións Públicas na propia Universidade de Vigo, lembrou como marchou primeiro a Irlanda, logo a Francia e a diversos lugares de España para finalmente estar os tres últimos anos traballando na República Dominicana. “Xa era moito tempo fóra, nove anos”, sinalou, e viu nestas bolsas “unha oportunidade marabillosa para volver a Galicia estudando, para non volver sen nada”. No seu caso escolleu o mestrado de Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, pois, sinalou, “encantaríame traballar neste campo”, sobre todo en temas de ecoturismo.