DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vicerreitor Jorge Soto tomou parte no primeiro encontro da Mesa de Gastronomía

O campus participará no impulso de Pontevedra como marca gastronómica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Universidade e empresa
  • Cultura
DUVI Pontevedra 08/06/2021

Diferentes axentes empresariais, sociais e institucionais da cidade participaron este martes no primeiro encontro da Mesa de Gastronomía de Pontevedra, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, en colaboración coa firma Carta Blanca, que ten como obxectivo converter á cidade nun referente da gastronomía nacional e internacional. Segundo informou o Concello, o obxectivo desta mesa é que “todos os axentes da cadea gastronómica, incluídos os académicos e culturais, estean implicados na construción da marca Pontevedra Capital Gastro”, baixo a que se engloban unha serie de iniciativas que se levarán a cabo nos próximos meses, coa participación da institución académica.

“Todo o que sexa axudar á economía pontevedresa e colaborar na promoción da cidade é algo que nos interesa”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, tras un encontro no que, de xeito presencial e virtual, participaron tamén representantes da Asociación Galega de Axencias de Turismo, Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE), Asociación Provincial de Axencias de Viaxe de Pontevedra, Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, Confraría de San Telmo, Hoempo, e Asociacións de Viviendas Turísticas de Galicia (Aviturga).

Segundo informou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, entre os obxectivos de Pontevedra Capital Gastro figura a promoción dos recursos gastronómicos locais; a promoción da economía circular e da “hostalería verde”, de acordo cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 e o apoio a proxectos innovadores relacionados coa gastronomía. Nese obxectivo, desenvolverase un programa de actividades integrado, explicou, por cinco “macroeventos”, entre os que se atopa o congreso Foro Hospitality ou o programa de impulso empresarial Capital Gastro Lab. Nese senso, o vicerreitor salientou que "o campus pode xogar un papel importante" nesta iniciativa, lembrando nese senso o labor de educación e xestión ambiental desenvolvido polo programa Green Campus e o traballo que se desenvolve cos ODS, a creación dunha asociación de consumo responsable ou a experiencia en materia de organización de congresos.