DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría promove o xoves 21, no Teatro Principal, o concerto ‘De tradición con Suso Vaamonde’

O campus recibe a primavera con música tradicional

O músico actuará xunto á Banda Cultural de Salceda e alumnado da aula permanente do campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 13/03/2019

Facendo uso de máis de vinte instrumentos populares, o gaiteiro Suso Vaamonde e a Banda de Música Cultural de Salceda protagonizarán o vindeiro xoves 21 ás 20.30 horas, no Teatro Principal, un concerto promovido pola Vicerreitoría do campus no que a música tradicional galega será a gran protagonista. Con entrada de balde con invitación, que pode recollerse na Casa das Campás, De tradición con Suso Vaamonde é o título deste Concerto de Primavera do campus de Pontevedra, no que este experto en música tradicional e a banda que dirixe Juan Lois Diéguez estarán acompañados en varias das pezas polo alumnado da Aula Permanente de Música Tradicional do campus.

Unha cita que nace con vontade de permanencia

O concerto foi presentado en rolda de prensa por Vaamonde e o vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen subliñou a aposta da Vicerreitoría “pola música tradicional e pola nosa cultura”, a aposta, “en definitiva, polo que nos define como galegos e como cidadáns do mundo”. Vaamonde, pola súa banda, puxo de relevo que este concerto de primavera nace con vontade de permanencia, de converterse nunha cita anual centrada na música tradicional na que o grupo protagonista estea acompañado por integrantes da aula permanente do campus. A intención, engadiu, "é que sexa o primeiro dun ciclo que se consolide cada primavera e a idea é que os concertos sempre teñan a colaboración do alumnado" da aula que dirixe o PAS da EE Forestal Luis Torres e que ten como docente ao gaiteiro Luís Sánchez Bolón.

As pezas populares centran o repertorio

Valéndose de “máis de vinte instrumentos populares diferentes”, Vaamonde e a Banda Cultural de Salceda interpretarán un repertorio integrado fundamentalmente por pezas populares, como Xota Vella, a Alborada de Verín, o Valse de Pazos de Merexo, a Muiñeira do Sisto da Chaparra, a Cantiga de Palas de Rei, a Muiñeira de Cadós, a Polca dos Areeiras e o Pasodobre de San Roque. Con arranxos de Juan Lois Diéguez, este concerto buscará achegar, explicou Vaamonde, unha sonoridade actual a esta serie de pezas, á vez que contará tamén coa participación dunha parella de bailadores e coa interpretación doutra serie de pezas como un pasodobre composto por Vaamonde, Tangodobre, unha peza popular arranxada por Xoán Porto, e Se chove, composta por Paulo Nogueira e Magoia Bodega de Treixadura. En dúas destas pezas, Vaamonde estará acompañado á gaita por Luís Sánchez Bolón, mentres que o alumnado da aula permanente sumarase á interpretación de tres pezas. Concretamente, o concerto contará coa participación, ás zanfonas, frautas, gaitas, tambores, bombo e pandeiretas, de 13 dos participantes nunha aula que reúne tanto a profesorado, alumnado e persoal da Universidade como a persoas alleas á comunidade universitaria, integrantes á súa vez do Grupo de Música Tradicional xurdido desta iniciativa. 

“Vai ser un acontecemento espectacular”, engadiu Soto, quen incidiu na capacidade de Vaamonde para combinar “música, humor e pedagoxía” nos seus espectáculos, ao tempo que amosou a súa vontade de continuar promovendo iniciativas vinculadas coa música tradicional, como son tamén os cursos de especialización en recursos ornamentais na interpretación da gaita galega e multpercusión tradicional que, co gaiteiro Xaquín Xesteira e o compositor e acordeonista Xosé Lois Romero como docentes e todas as súas prazas cubertas, se desenvolven neste mes de marzo no campus. O obxectivo é que Pontevedra “sexa un referente nos campus galegos” neste eido, engadiu Soto, quen amosou tamén a vontade de impulsar no campus unha aula de teatro.