DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co arranque da VIII edición do Ciclo de conferencias de Dereito da Competencia

O campus volve converterse en centro de debate sobre Propiedade Industrial e Intelectual

As charlas en Ciencias Xurídicas e do Traballo prolongaranse ata principios de novembro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Académica
D. Besadío DUVI 01/10/2024

O campus volve converterse este outono en centro de debate sobre as cuestións máis relevantes do Dereito da Competencia e da Propiedade Industrial e Intelectual e faino da man dunha nova edición, a oitava, do ciclo de conferencias sobre estas temáticas, unha actividade xa clásica na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Son cinco sesións teórica-prácticas orientadas, sobre todo, ao alumnado do centro, pero tamén de elevado interese para as e os profesionais que traballan neste ámbito.

A nova edición arrancou este luns pola tarde coa intervención do catedrático Pablo Fernández Carballo-Calero, un dos tres directores do ciclo, e da tamén profesora de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo Sara Louredo, que foi a encargada de impartir a conferencia inaugural O deseño industrial rexistrado e non rexistrado: como responder a mercados cada vez máis efémeros? 

“O deseño industrial non rexistrado é unha modalidade de protección dos deseños -debuxos, formas, texturas, etc. ou combinación de todo o anterior- que resulta moi áxil e beneficiosa para produtos efémeros, isto é, moda, xoguetaría, mobiliario, etc. porque non pasa por unha oficina, non se pagan taxas, non tarda un tempo en ser concedido...”,  explicou Louredo na súa intervención.  Nesta liña, a docente fixo fincapé en que cada vez máis industrias teñen produtos cunha vida "estética" breve -aínda que a vida útil poida ser maior- e é interesante coñecer que existe esta tutela. “Ademais, é salientable que desde o 2022 hai unha proposta de modificación lexislativa respecto dos instrumentos europeos que regulan a cuestión, que son unha Directiva e un Regulamento, e que presentan algunhas novidades en canto á dixitalización dos deseños e aos produtos que son empregados como recambios,por exemplo, de automóbiles”, apuntou a relatora desta primeira charla do ciclo. 

Arte na rúa, competencia desleal… Charlas ata o 5 de novembro

Tras esta primeira charla, as conferencias retomaranse o luns 28 de outubro ás 18.00 horas coa intervención do profesor da Universidade da Coruña Fernando Cachafeiro, que afondará nas condutas de autopreferencia como unha forma de abuso da posición de dominio. Ao día seguinte, martes 29 (16.30 h), recibirase a visita do profesor da University of London, Enrico Bonadio, que impartirá unha charla sobre arte na rúa e propiedade intelectual.

En novembro haberá dúas sesións. Unha o luns 4 (17.45 horas) sobre a infracción da marca tridimensional, a cargo de Elena Boet, e outra o martes 5 (16.30) centrada nas diferentes accións que poden emprenderse por competencia desleal, a cargo de Rafael García, da Univesidade da Coruña.