Belén Rubio, pola súa banda, asegura “aceptar os resultados con serenidade e respecto”
Carmen García Mateo agradece á comunidade universitaria o apoio recibido e asume o mandato “con humildade e determinación”
Hoxe proclamáronse provisionalmente os resultados das eleccións e mañá ábrese o prazo de reclamación
Nun escrito remitido a través de correo electrónico esta mañá, a reitora electa da UVigo, Carmen García Mateo, agradece á comunidade universitaria o apoio recibido, así como o de quen “non nos votou”, ao tempo que asegura asumir o mandato “con humildade e determinación”. García Mateo tamén se refire no seu escrito ás candidaturas de Belén Rubio e Jacobo Porteiro, recoñecendo o seu traballo e gabando “o espírito co que se desenvolveu a campaña electoral”. Pola súa banda, a candidata de H2040 tamén optaba esta mañá por dirixirse á comunidade universitaria para trasladarlle o seu agradecemento, felicitar a Carmen García Mateo e recoñecer que “os resultados non foron os que agardabamos, pero aceptámolos con serenidade, con respecto e con plena convicción democrática”.
A xornada electoral do pasado venres, 15 de maio, converteu a García Mateo cun 56,02% do voto ponderado na primeira reitora da UVigo. A candidata de Nós Universidade sumou 1915 votos válidos emitidos a candidaturas (1926 ponderados), gañando nos sectores PDI-A, (408 votos válidos emitidos); estudantes (780); e PTXAS (438); e en todos os sectores do campus de Vigo e nos de Pontevedra, agás no PDI-B. Pola súa banda, Belén Rubio acadou o 43,98% do voto ponderado (1523 votos válidos emitidos a candidaturas), impoñéndose no sector PDI-B (346 votos válidos emitidos a candidaturas) e no campus de Ourense en todos os sectores, agás o PTXAS.
Un resultados provisionais, que hoxe foron proclamados provisionalmente e que desde mañá e ata o día 21 de maio poderán ser obxecto de reclamación. O día 28 terá lugar, consonte o calendario electoral, a proclamación definitiva de resultados, mentres que a toma de posesión da nova reitora producirase nunhas semanas, nun acto que estará presidido polo xefe do executivo autonómico, Alfonso Rueda.
Un mandato “que asumimos con humildade e determinación”, asegura García Mateo
A reitora electa da UVigo agradeceu hoxe o apoio das persoas da comunidade universitaria que “confiastes no noso proxecto, nas nosas ideas e no noso equipo”, pero tamén “a quen non nos votou: o voso pensamento crítico obríganos a ser mellores, e o voso voto é, de igual xeito, parte do mandato que hoxe asumimos”.
Alude García Mateo no seu escrito aos símbolos do faro, “porque cremos que unha universidade ten que iluminar”; e as pontes, “porque esta institución necesita unha conexión real entre os seus campus, os seus colectivos e as súas persoas”; elixidos para ilustrar o logo da candidatura de Nós Universidade e que asegura, “xa non son imaxe dunha candidatura; son do compromiso dun equipo de goberno”. En canto ao lema 'Todas as persoas, un proxecto', sinala a reitora electa que agora se converte nun mandato, “que asumimos con humildade e con determinación”.
García Mateo remata recoñecendo o traballo das candidaturas e Belén Rubio e Jacobo Porteiro e gabando o espírito co que se desenvolveu a campaña, “que honra á institución e tamén é parte do legado que recollemos”. Considera a reitora electa que “queda moito por facer, pero estamos preparados para comezar. Con toda a comunidade, con todas as persoas”.
“Seguiremos traballando pola Universidade”, confirma Belén Rubio
A candidata de H2040 agradece no seu escrito á comunidade universitaria o apoio das persoas que confiaron no súa proposta, o traballo de todo o colectivo de H2040 e o do equipo que a acompañou, “construímos unha proposta seria, honesta e pensada para o conxunto da Universidade de Vigo. Iso, independentemente do resultado electoral, é algo do que podemos sentirnos orgullosas e orgullosos”.
Belén Rubio recoñece que os resultados acadados “non foron os que agardabamos, pero aceptámolos con respecto e con plena convicción democrática” e asegura que aínda que remata unha etapa electoral, non o seu compromiso. “Seguiremos traballando pola Universidade desde o lugar que nos corresponda, con responsabilidade, con respecto institucional e coa mesma vontade de contribuír a unha Universidade de Vigo mellor, máis forte, máis xusta e máis aberta ao futuro” sinala a candidata de H2040, que asegura que “a UVigo está por riba de calquera candidatura. Esa foi sempre a nosa convicción e seguirá sendo o noso compromiso”.
