DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A sede da Vicerreitoría acolleu a presentación dun libro de Aquilino Fariñas sobre a flota

A Cátedra Álvarez Ossorio achégase a Pontevedra para abordar a historia da Armada Invencible

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/02/2019

A historia da chamada Armada Invencible, a flota española que a finais de século XVI se enfrontou a Inglaterra, centrou na tarde deste xoves unha nova actividade da Cátedra Álmirante Álvarez-Ossorio, que a Universidade de Vigo desenvolve conxuntamente coa Escola Naval Militar de Marín. Nesta ocasión, esta iniciativa da cátedra trasladouse ata a Casa das Campás, sede da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, onde o escritor Aquilino Fariñas Godoy presentou o seu libro Grande y Felicísima Armada, no que, explicou, tenta dar “unha perspectiva distanciada dos tópicos irreflexivos sobre a historia da Grande Armada”. Fariñas Godoy estivo acompañado na presentación do que era o seu terceiro libro polo polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, o director da Escola Naval Militar, o capitán de navío Ignacio Cuartero, e o representante da cátedra Antonio Valles. Nesta presentación, Soto puxo de relevo a “positiva colaboración” que no marco desta cátedra veñen desenvolvendo a institución académica e a Escola Naval Militar e que posibilitou nesta xornada “achegar á súa actividade á Vicerreitoría e por extensión á cidade de Pontevedra”. 

Licenciado en Medicina e Cirurxía, Fariñas Godoy desenvolve a súa actividade profesional no ámbito da medicina laboral, mentres que centra a súa faceta literaria no seu interese pola historia de España, tentando dar unha “perspectiva diferente á habitual nas novelas históricas”, de tal xeito que “a propia historia e as súas personaxes reais constitúan a acción e o argumento narrativo”. Grande y Felicísima Armada é o seu terceiro libro, trala novela sobre a teoría da orixe galega de Colón titulada Pedro Madruga-Cristóbal Colón, de Galicia al Nuevo Mundo, gañadora do Premio Isla de las Letras á mellor novela histórica da editorial Atlantis en 2015, e El viento de la Guerra, ambientado na ocupación napoleónica de Galicia durante a Guerra da Independencia.