DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio no que participarán Pedro Baños, Juan Gestal e África González

A Cátedra Álvarez-Ossorio analiza como a pandemia mudou a sociedade

Programado para este xoves ás 19.00 horas, poderá seguirse tamén de xeito virtual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Saúde
  • Académica
DUVI Pontevedra 27/04/2022

La sociedad post-pandemia é o título do coloquio co que a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín, busca analizar este xoves os efectos da covid-19 en diferentes ámbitos. Moderada polo xornalista do Diario de Pontevedra Santy Mosteiro, esta mesa contará coas intervencións de Pedro Baños, coronel na reserva e especialista en xeoestratexia; Juan Jesús Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo. Programada para as 19.00 horas no salón de actos da Escola Naval, este coloquio poderá seguirse tamén de xeito virtual, a través das redes sociais da Armada.

“Penso que, despois de dous anos, é o momento de facer unha análise en perspectiva e o máis real posible sobre o que estamos pasando e temos pasado”, salienta o vicerreitor do campus, Jorge Soto, encargado este xoves da intervención de apertura desta actividade xunto ao comandante director da ENM, o capitán de navío Pedro Cardona. A través das visións, “desde diferentes ámbitos” dos tres conferenciantes, esta actividade busca achegar “unha visión moi precisa de onte nos atopamos e cara onde vai ir a sociedade despois dunha circunstancia tan dramática e tan excepcional como unha pandemia mundial”, sinala Soto. Nese senso, o vicerreitor destaca que a través da combinación de expertos en ámbitos como a inmunoloxía ou a xeoestratexia, preténdese poder afondar “tanto na situación actual como nas perspectivas de futuro”, indo máis alá “da contorna próxima”, coa idea de poder trazar “unha visión mundial de todo no que nos está afectando a pandemia”. 

Con ese obxectivo, a mesa contará por unha banda coa participación do analista e experto en estratexia Pedro Baños, coronel do Exército de Terra na reserva, quen foi xefe de Contraintelixencia e Seguridade do Corpo do Exército Europeo e membro do equipo da Dirección General de Política de Defensa do Goberno central, ademais de ter colaborado como asesor militar no Parlamento Europeo. Desde unha perspectiva sanitaria, a pandemia será analizada por Juan Jesús Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica da USC e académico das reales academias galegas de Medicina e Cirurxía e Farmacia, que foi tamén director xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia. A perspectiva sanitaria será así mesmo o eixo da intervención da catedrática da Universidade de Vigo África González.  Doutora en Medicina e Cirurxía, González foi directora do Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) entre 2009 e 2019 e presidenta da Sociedad Española de Inmunología entre 2016 e 2020. Académica da Real Academia de Farmacia de Galicia, González ten destacado nos últimos dous anos polo seu papel divulgativo sobre a pandemia, formando parte ademais do comité de expertos que asesora nesta materia ao Concello de Vigo, que recentemente recoñecía a súa traxectoria co X Premio de Igualdade Ernestina Otero.  

Dar voz aos protagonistas

Nacida en 2003 como órgano de relación institucional para temas culturais, técnicos e humanísticos, ao abeiro dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Ministerio de Defensa, a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio busca reunir “aos protagonistas dos cambios que día a día se producen na ciencia, na sociedade e na cultura”, como salienta Soto. Nese senso, o vicerreitor lembra que as últimas conferencias promovidas ao abeiro desta cátedra tiveron como protagonistas a persoas como o catedrático de Medicina Legal da USC e experto en xenética Ángel Carracedo, a presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso, ou, o mes pasado, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. “A cátedra revitalizouse nos últimos anos a través de todo tipo de conferencias e de actividades conxuntas que non fixeron outra cousa que fortalecer os lazos entre a Escola Naval e a Vicerreitoría”, salienta. Nesa mesma lembra así mesmo que, tamén ao abeiro da cátedra, impulsáronse nos últimos anos proxectos de investigación como o que o grupo HealthyFit centrou na avaliación da condición física do alumnado da ENM ou a análise con tecnoloxía Lidar da vexetación da illa de Tambo que coordinou a profesora da EE Forestal Julia Armesto.

Nos próximos meses, a cátedra continuará a súa actividade con novas conferencias e coloquios sobre o quinto centenario da volta ao mundo, epidemioloxía, ciberseguridade ou o Pacto Verde Europeo.