A través da conferencia que impartirá este xoves a escritora Elvira Roca na Escuela Naval Militar
A Cátedra Álvarez-Ossorio propón un percorrido pola historia de España
As contribucións de España na esfera internacional en diferentes ámbitos constitúen no presente curso o eixe central da programación da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que promoven conxuntamente a Universidade de Vigo e a Escuela Naval Militar (ENM). Tras contar nos últimos meses coa participación do vicepresidente da Comisión Europea, Josep Borrell, o conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, e do que fora presidente executivo de Telefónica ata o pasado mes de xaneiro, Jose María Álvarez-Pallete, a cátedra abre a súa programación deste segundo cuadrimestre cunha conferencia centrada na historia de España. Esta terá como protagonista á ensaísta, escritora e profesora Elvira Roca e desenvolverase este xoves 20, ás 19.00 horas, no salón de actos da ENM, baixo o título de A historia de España, entre o excepcionalismo e a autarquía.
Licenciada en Filoloxía Clásica e en Filololoxía Hispánica pola Universidad de Málaga e doutora en Literatura Medieval, na traxectoria profesional de Roca Garea convive o seu traballo como profesora de instituto coa súa faceta de escritora e articulista. Entre outros ensaios e novelas, a protagonista da conferencia deste xoves é autora dos libros Imperiofobia y leyenda: Roma, Rusia, Estados Unidos y el Imperio español (2016) e Fracasología. España y sus élites (2019), polo que foi recoñecida en 2019 co Premio Espasa de Ensaio. Esta escritora e docente foi así mesmo distinguida, entre outros galardóns, coa Medalla de Andalucía no ano 2018.
Impulsada en 1994 pola Universidade de Vigo e a Armada, a Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio constitúe un órgano de relación institucional para temas culturais, científicos, técnicos, humanísticos e de interese común entre estas dúas institucións, ao abeiro do que se desenvolven ao longo do curso diferentes iniciativas, desde conferencias ou mesas de debate, ata o Concerto de Nadal da Unidade de Música da ENM ou a regata Trofeo Ría de Pontevedra.
A conferencia contará con entrada gratuíta, previa confirmación de asistencia, indicando nome, DNI e data de nacemento, a través do correo electrónico enmsecretaria@fn.mde.es ou do teléfono 986 804 710.